Benito Méndez: “Agora a Teoloxía ten que ser máis humilde e facerse crible mediante o diálogo con outras ciencias”

Nesta terceira entrevista de verán conversamos co sacerdote Benito Méndez Fernández, profesor de Teoloxía do Instituto Teolóxico Compostelán cunha longa traxectoria docente e investigadora, e moi vencellado ao mundo da cultura a través da dirección do anuario diocesano Estudios Mindonienses.

Don Benito, vostede leva moitos anos vinculado ao ITC e á docencia en Teoloxía. Que lle segue atraendo hoxe da tarefa de ensinar e de acompañar o alumnado na súa formación?
Xa me faltan só dous cursos para a xubilación como profesor de Teoloxía. Polo tanto, xa sabemos a idade que teño. Facendo balance, o meu interese segue sendo o do comezo: dar a coñecer, explicar e impulsar o cambio mental que supuxo o Concilio Vaticano II na forma de pensar a Igrexa, á luz da Palabra de Deus. Os papas destes tempos seguen facéndoo, como nos lembrou nas súas catequeses León XIV.

No seu traballo como profesor, que papel cre que debe ter a Teoloxía no contexto cultural e social actual, especialmente nunha diocese como a de Mondoñedo-Ferrol?
A Teoloxía está na orixe da universidade medieval e, como consecuencia diso, aínda continúa a súa presenza nas universidades do ámbito anglosaxón. A universalidade do saber —que é a universidade— non debe excluír a ninguén e, por iso, na escala de todas as ciencias, como dicía Aristóteles, a suprema ocupaba o lugar principal, como se pode demostrar se vemos as orixes das principais universidades europeas.

Pero, claro está, xa non estamos na Idade Media, no mundo cristián. Agora a Teoloxía ten que ser máis humilde e facerse crible mediante o diálogo con outras ciencias, achegando as razóns da fe. Como afirmaba o papa Xoán Paulo II en Fides et Ratio, non pode haber contradición entre os dous camiños, pois non podemos aceptar que haxa unha dobre verdade. Polo tanto, seguindo a estela deste papa que rehabilitou a Galileo, trátase de contribuír a unha comprensión global do ser humano e do seu destino. E, se falamos de teoloxía cristiá, é dicir, encarnada, ten que facelo desde unha actitude de apertura ás novas realidades sociais e científicas. A Diocese de Mondoñedo-Ferrol é pioneira, polo menos nalgúns aspectos importantes, non só pola contribución do seu Seminario á literatura galega, de todos coñecida. Pero tamén é importante lembrar que Mondoñedo, por exemplo, foi a segunda cidade que contou con luz eléctrica, só despois de Pontevedra, a finais do século XIX. Foi o profesor do seminario Juan de Diego y García Alcolea —que máis tarde sería arcebispo de Santiago— quen realizou as primeiras demostracións no ano 1885, con motivo da chegada do bispo Cos y Macho.

Polo tanto, neste contexto, a colaboración coa Universidade significa un paso importante nesa empresa histórica de transversalidade dos saberes que hoxe se impón en todas partes. Nesa transversalidade entra o estudo da historia e da actualidade da Igrexa. Iso permitirá criticar con coñecemento de causa a doutrina que profesou durante vinte séculos, tanto nos seus aspectos positivos como negativos, para distinguir os erros e abusos dos seus membros das súas ensinanzas. Este é o camiño para distinguir o verdadeiro historiador do afeccionado ou polemista, que só se preocupa de enumerar algúns dos episodios máis escuros da súa historia, normalmente descontextualizalos e, polo tanto, anacrónicos. A súa finalidade simplificadora non é a procura da verdade, senón o afán de vincular eses feitos cunha intención maligna por parte da Igrexa, cando non criminal, pois non busca comprender, senón descualificar. Sería demasiado extenso enumerar todo o que a Igrexa católica achegou á humanidade durante os últimos vinte séculos. Con todo, o seu legado impregna a nosa civilización en ámbitos tan esenciais como a dignidade da persoa humana, o desenvolvemento do dereito, a educación, os hospitais, as universidades, as artes, as ciencias, a solidariedade e a protección dos máis vulnerables.

Pero, no nivel, digamos máis interno, sen unha boa formación teolóxica en todos os niveis, a pastoral quedará moi empobrecida, porque lle faltarán os fundamentos, as motivacións profundas que moven a misión da Igrexa, que é moito máis ca unha ONG. Por iso tamén é conveniente lembrar o labor pioneiro da Diocese na formación dos leigos despois do Concilio Vaticano II. Sen o labor das Escolas de Teoloxía ou do Instituto Superior de Ciencias Relixiosas, por poñer só dous exemplos, non sería posible hoxe atender as necesidades educativas de nenos e mozos en escolas e institutos. De aí a crecente conciencia creada na nosa diocese sobre a achega de todos á misión da Igrexa nestes tempos, como pon de manifesto a recente institución de ministerios laicais, cuestión na que, como sucedeu na súa historia, a nosa diocese tamén é pioneira e marca o camiño do presente e do futuro.

Tamén desenvolveu un intenso labor como investigador. En que temas ou liñas de estudo se sentiu máis interpelado ao longo da súa traxectoria?
Desde os tempos da licenciatura na Universidade Pontificia de Salamanca interesoume a Eclesioloxía. De feito, a miña tesina versou sobre un dos teólogos máis influentes no Concilio Vaticano II, como foi o dominico Yves Marie Congar. Nel vin a necesidade de ver a Igrexa como unha comunidade de Igrexas locais, aínda que abertas á universalidade ao mesmo tempo. “Amplo mundo a miña parroquia” foi seguramente unha obra que marcou a miña traxectoria, pois sempre compaxinei esa dimensión universal (estancias en Roma e, sobre todo, en Alemania) coa dimensión local (sempre estiven en parroquias da Diócese). Despois, xa no doutoramento, tiven a oportunidade de ampliar esa visión estudando os precedentes. Neste caso, a nova visión da Igrexa que supuxo a presenza de España en América e todo o debate ético-crítico que se produciu en España arredor da “conquista”, un debate pioneiro, que non se deu noutros países e que, como vimos, lembrou con admiración o papa León XIV no Congreso dos Deputados.

Esta, digamos, apertura de miras, levoume a centrarme no ecumenismo. Fun delegado de Ecumenismo polo menos trinta anos e tamén son profesor desa materia no Instituto Teolóxico Compostelán, dentro do marco da Teoloxía Fundamental, que é a especialidade deste centro, filial da Universidade Pontificia de Salamanca. É esta, por outra parte, unha materia moi descoñecida no panorama teolóxico español e, desde logo, na pastoral das dioceses. Isto é grave porque, como lembraba o papa Xoán Paulo II, o traballo por contribuír á unidade dos cristiáns é irreversible para a Igrexa católica, despois de tantas feridas, pasadas en presentes, no seu testemuño de unidade.

Quen o coñece destaca a súa faceta de primeiro secretario e, agora, director de Estudios Mindonienses. Que lle ensinou esa responsabilidade sobre o valor dunha revista diocesana de investigación?
O primeiro secretario foi o sacerdote don Fernando Porta de la Encina. De feito, o arquivo e a recompilación das revistas que chegaban por intercambio estaban nunha serie de armarios comprados para tal efecto na parroquia de San Pedro Apóstolo (Ferrol). E continuei o labor de secretaría a partir de 1995, cando me incorporei á dirección da residencia universitaria da Domus Ecclesiae de Ferrol. Desde entón, o arquivo e a biblioteca están nesta localización.

Para min foi unha honra poder colaborar co fundador do anuario, don Segundo L. Pérez López, xunto co seu gran equipo de especialistas, parte dos cales aínda continúan; outros, xa faleceron. Segundo fixera a súa tese doutoral en Salamanca baixo a dirección dun mindoniense, don Antonio García, OFM, natural de Bretoña (Lugo), un dos grandes impulsores do Synodicum Hispanum. Segundo viu que a historia non se fai só de grandes acontecementos, senón do día a día dos problemas, das vivencias e das ilusións da xente. Por iso viu que era necesario dar a coñecer a historia local.

Este impulso inicial continuou como a clave de bóveda de Estudios Mindonienses. E, no plano persoal, encaixaba coa visión de Igrexa que eu estudara. Polo tanto, puiden aprender a amar máis a nosa Igrexa local, que é como a nosa familia, coas súas debilidades, defectos e problemas; pero é a nosa. Sen lugar a dúbida, Estudios Mindonienses foi unha publicación pioneira neste tipo de estudos, porque pon de relevo a Igrexa como realidade local: pola súa fala, a súa cultura, a súa xente e a súa espiritualidade. O noso anuario constitúe, pois, un mosaico que é necesario protexer e valorar como un proxecto coral. Ser secretario ensinoume que, sen esa contribución coral, unha revista, como calquera outro proxecto, non se pode realizar con solvencia.

Estudios Mindonienses naceu coa intención de unir rigor académico e servizo á Igrexa local. Que significa para vostede manter vivo ese equilibrio entre investigación, memoria e divulgación?
Como dixen, Estudios Mindonienses foi unha publicación pioneira en dar a coñecer a complexidade dunha realidade que, obxectivamente falando, é plural. Un ámbito como é o do norte de Galicia merece ser, desde todos os puntos de vista, recoñecido no seu valor orixinal. Dito isto, certamente os estudos publicados son de tipo diferente. Xunto coa publicación de documentación inédita, contamos con análises cientificamente rigorosas; outras, de carácter máis divulgativo. Nun anuario, non sempre é doado manter un único estilo e método. Con todo, desde a miña experiencia persoal, que sempre estivo aberta ás críticas recibidas, é moi necesario o labor do consello de redacción que, aínda que se reúne unha vez ao ano, representa o “filtro” polo que teñen que pasar todos os traballos. Neste sentido, segundo vimos, o mantemento de distintas metodoloxías non é unha debilidade, senón unha riqueza, sempre que, iso si, se explique ben na presentación dos diferentes estudos. De todos modos, paga a pena destacar o feito de que Estudios Mindonienses deu a coñecer ao mundo, por poñer un exemplo, documentos que, noutro caso, hoxe estarían completamente esquecidos non só polo gran público, senón tamén polos especialistas.

Desde a súa experiencia, que papel tivo a revista na difusión da historia, da teoloxía e da cultura da diocese de Mondoñedo-Ferrol?
Como dicía monseñor Araúxo Iglesias na presentación do primeiro número de Estudios Mindonienses (1985), lembrando o papa Paulo VI, a ruptura entre o Evanxeo e a cultura é, sen dúbida, o drama da nosa época. Cando se deteriora a harmonía entre a cultura e a fe, a linguaxe desta corre o perigo de facerse anacrónica. Xa non di nada. Non significa nada. De aí a importancia e a urxencia dun esforzo por volver establecer o contacto (“Atrio dos xentís”, chamouno Bieito XVI) e un diálogo verdadeiro e vital.

Na miña opinión, Estudios Mindonienses é un dos nosos atrios dos xentís, pois, como publicación que quere ser científica —no máis amplo sentido da palabra—, conta con colaboradores aos que non se lles pregunta polas súas crenzas. Abonda con que os seus estudos sexan solventes, é dicir, que busquen divulgar a verdade con honestidade. Por iso, desde os seus comezos, con Segundo á cabeza, esforzouse por manter as canles do diálogo, porque el e nós estabamos e estamos firmemente convencidos de que o Evanxeo é boa nova tamén para os nosos tempos convulsos e ten un valor que pode ser aceptado por todos. Por iso, a cultura en xeral, é dicir, a arte, a literatura, a historia… todo iso é terreo propio e non alleo. Porque cremos nun Deus que se fixo humano e, así, todo o humano, como dicían os intelectuais do Renacemento, non nos pode ser alleo.

Ao longo do seu ministerio sacerdotal na diocese, que momentos ou servizos lembra con máis gratitude ou con máis fondura humana?
É difícil para min contestar a esta pregunta. Eu lémbrome moitas veces da miña ordenación como diácono, sendo aínda estudante de Teoloxía na UPSA (1982…). Tiven a fortuna de que alí estiveron presentes tres bispos: ademais do diocesano monseñor Araúxo Iglesias, tamén estaba o bispo de Lugo, frei José Gómez, e o de Tui-Vigo, monseñor Cerviño. A ocasión veu dada porque os tres regresaban de Madrid a Galicia en coche, sendo o seu chofer don Rafael Lombardero, se mal non lembro. Pois ben, na homilía de monseñor Araújo, houbo dúas frases que sempre permanecen no meu recordo. Díxome algo así: “Benito, se tes que namorar, é mellor que te namores dunha muller e non dunha peseta… por outra parte, é verdade que cando chegues á casa pola noite, o máis seguro é que non atopes a ninguén que che faga compañía; pero tamén é verdade que non terás a ninguén que che pida contas”. Humanamente falando, a liberdade para a entrega á misión é para min moi importante. Pero, certamente, o desprendemento é fundamental, como sempre destacou Segundo nos seus anos á fronte da formación dos seminaristas.

Pero, mirando á pastoral propiamente dita, non podería distinguir un momento especialmente importante. De todos modos, como me dicía un profesor da UPSA con motivo da miña ordenación de diácono, “agora a coidar a afección”. Eu creo que os curas estamos para iso, para curar-coidar. No meu caso, pola experiencia aquí como en Alemaña, iso é o fundamental: non ser un funcionario senón un coidador de almas (Seelsorge). A actitude que trato de manter é a de misericordia, de acollida ás persoas veñan de onde veñan, estean na situación que estean… porque hoxe xa non vivimos nunha época de “cristiandade”, pero a xente está buscando algo e é necesario, polo menos, acollela e ofrecerlle solucións, como nos lembraba frecuentemente o papa Francisco.

Vostede falou nalgunha ocasión da necesidade de superar a ruptura entre Evanxeo e cultura. Como se traduce esa idea na vida concreta da diocese e no seu traballo cotián?
Xa contestei anteriormente, pero podería engadir que o interese pola cultura en xeral está cada vez máis arraigado no ámbito popular. É dicir, pouco a pouco vanse rompendo os tabús contra a vivencia da fe. Á vista está o florecemento da relixiosidade popular, ou tamén o novo interese polo relixioso-espiritual que se dá a nivel mundial. Na nosa Diocese cada vez se destaca máis a necesaria comunicación de ámbitos-vivencias, como se pon de manifesto, como exemplo máis significativo, na Semana Santa. Abonda ver as revistas publicadas en Ferrol ou en Viveiro. Nelas ponse en valor que a relixiosidade tamén é cultura, con repercusións económicas, sociais e espirituais. É dicir, a Semana Santa, denostada por algúns eclesiásticos despois do Vaticano II, segue sendo unha ponte entre a fe e a cultura en xeral. Porén, ao longo do ano, esa colaboración tería que ser continuada, por exemplo, por medio da presenza eclesial nas asociacións de veciños e noutros lugares nos que a xente é convocada. E isto non é só un labor que han de realizar os curas, na medida das súas posibilidades, que non son moitas nestes tempos de escaseza. A misión da Igrexa é de todos e, neste aspecto, os leigos teñen unha función imprescindible como bautizados.

Mirando ao futuro, que proxectos culturais ou de impulso intelectual lle gustaría ver consolidados na diocese nos próximos anos?
Mirando á historia e ao futuro, en cada comarca diocesana debería haber unha comisión de cultura que impulsase esta colaboración citada. Estar presente alí onde se dá creatividade cultural, con actitude dialogante, pero tamén testemuñal. Segundo se di, a xente nova xa non está vacinada contra a relixión como o estiveron os seus avós ou os seus pais. É dicir, están máis abertos á oferta relixiosa.

Por outra parte, como na nosa diocese non hai centros de formación teolóxica de alto nivel, eu creo que sería importante ampliar algunhas das antigas bolsas parroquiais para seminaristas —sen prexuízo da súa función específica— e ofrecelas a leigos comprometidos coa súa formación, co fin de que puidesen colaborar activamente e a tempo completo na pastoral diocesana. Non me refiro só á clase de Relixión nas escolas ou institutos, senón á responsabilidade parroquial. Todo iso contribuiría a ampliar a visión tan parcial que aínda existe: a Igrexa é cousa dos papas, dos bispos e dos curas.

Tamén me gustaría ver consolidada a relación coa Universidade da Coruña, por medio da Cátedra existente, a celebración de congresos, exposicións, cursos, etc. Concretamente, en Ferrol, é necesario dar a coñecer os nosos importantes recursos bibliográficos, así como manter un lugar adecuado para facer exposicións, presentacións de libros, documentos eclesiais… e, mesmo, ofrecer a posibilidade de vendelos, realizar diferentes fórums… sobre todo porque é algo que se perdeu nesta cidade, dende os tempos en que existía unha libraría diocesana que en parte cumpría con esta labor.

Se tivese que resumir nunha soa idea o legado que lle gustaría deixar como sacerdote, profesor, investigador e director da revista, cal sería?
A idea non é miña, é do Evanxeo de Lucas, capítulo 6, versículos 36 e seguintes: “Sede compasivos, como o voso Pai é compasivo; non xulguedes e non seredes xulgados, non condenedes e non seredes condenados; perdoade e seredes perdoados…”.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas