- Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol aos confrades da diocese
Recibide un saúdo afectuoso:
Gustaríame comezar esta carta traendo á memoria o Xubileu Diocesano das Confrarías que celebramos hai uns meses en Ferrol e que foi unha ocasión preciosa de encontro e de oración compartida. Ver a tantos confrades reunidos lembrounos que a nosa identidade común está por encima de calquera desencontro. Aquela xornada convidábanos a purificar, na vida persoal e na vida das confrarías, aquelas actitudes que non axudan e que poden desfigurar o auténtico espírito confrade.
Como dicía na carta que escribín ao comezo da Coresma, “urxe reconstruír xuntos a comuñón”. Porque sabemos que esta é un don recibido, pero tamén unha tarefa compartida. E porque sabemos que, tamén nas nosas propias confrarías e entre irmandades, introdúcense as tentacións de egos que procrean desencontros e divisións. As lóxicas diferenzas que existen han de encaixarse con ese espírito sinodal ao que a Igrexa nos convida: “camiñar xuntos”. Non podemos permitir que as diferenzas pesen máis que aquilo que nos une na fe.
Sabemos que neste camiñar hai decisións complexas que afectan a persoas concretas e que poden producir inquietude ou dúbidas. Neses momentos, necesitamos oración, paciencia e apertura ao diálogo sereno que axuda ao discernimento, evitando xuízos precipitados ou confrontacións que non edifican. Necesitamos caridade. A madurez cristiá demóstrase precisamente na maneira de afrontar os momentos delicados. A miña primeira invitación é, por tanto, a cultivar a comuñón como testemuño que ofrecemos no noso mundo polarizado.
Convídovos tamén a ser conscientes da forza da piedade popular da que sodes expresión. No medio dunha sociedade onde a secularización avanza con rapidez, as nosas confrarías seguen sendo un dique que preserva a memoria crente do noso pobo. Na nosa diocese, esta relixiosidade alcanza unha intensidade singular na Semana Santa de Viveiro e de Ferrol, pero tamén latexa con forza noutros recunchos como Mondoñedo, Burela, Ortigueira, Ribadeo e tantas comunidades onde a devoción vívese con sinxeleza e fondura. Lémbrovos que vós sodes parte viva e visible desta Igrexa diocesana.
Alégrame e paréceme un reto para a nosa Igrexa comprobar que moitas persoas —tamén novas— achéganse ás irmandades buscando algo máis que tradición ou estética. Buscan sentido, pertenza, protagonismo e raíces. Atopan nas confrarías un espazo onde a fe faise visible, onde a beleza conduce ao Misterio e onde a fraternidade ofrece un fogar espiritual. Esta realidade interpélanos a todos. Cando unha confraría é escola de fe e espazo de servizo, convértese verdadeiramente en ámbito de evanxelización.
Sabedes que ser confrade é un estilo de vida. É vivir o bautismo desde unha pertenza concreta á Igrexa, deixando que o Evanxeo modele as nosas actitudes. Iso implica aprender a dialogar, a escoitar, a corrixir e a deixarnos corrixir; implica aceptar que non sempre temos toda a razón; implica, sobre todo, poñer por diante o ben común e a caridade fraterna.
Por iso, na alma confrade están presentes dimensións esenciais da vida cristiá: a devoción sincera a unha advocación que acompaña a oración diaria; a experiencia de fraternidade concreta nunha irmandade onde ninguén debería sentirse estraño; a formación que ilumina a intelixencia e fortalece a fe; e o compromiso caritativo que se traduce en xestos reais cara a quen máis o necesitan. Cando algunha destas dimensións perde forza, a vida confrade pode empobrecerse e centrarse excesivamente en aspectos organizativos ou externos. Anímovos, por tando, a coidar o esencial, para que todo o que facemos brote sempre do Evanxeo e conduza a el.
Son consciente e valoro tamén o coidado que facedes do patrimonio. As imaxes, os pasos, os avíos, os templos e santuarios que custodiades non son simples bens culturais. Son expresión visible da fe de xeracións que nos precederon. Por iso é belo coidalo. Pero non esquezamos que o patrimonio máis valioso é a comuñón entre nós.
Durante estes días revestirédesvos co hábito. É signo de identidade, de penitencia e de pertenza. Pero de pouco serviría vestir unha túnica impecable se o corazón déixase arrastrar pola murmuración, a rivalidade ou a desconfianza. O hábito exterior ha de ir acompañado do hábito interior da virtude. A credibilidade do carisma confrade non se xoga só na beleza externa, senón na coherencia cristiá.
Queridos amigos: non quero rematar sen convidarvos a vivir estes días santos desde a fondura da liturxia do Triduo Pascual, que dá sentido pleno ás expresións externas de devoción. Anímovos a participar con fe na eucaristía, especialmente na Vixilia Pascual; convídovos a participar no sacramento da reconciliación que, sen dúbida, faranos moito ben porque o perdón recibido poderémolo ofrecer; convócovos a deixar que a Palabra, no silencio, ilumine o noso discernimiento.
Que estes días santos nos axuden a responder os desexos profundos do noso corazón e a fortalecer a fraternidade. Que acompañando ao Señor no seu Misterio de Amor, nos renovemos e sexamos capaces de custodiar o esencial: unha fe viva, unha comuñón sincera e unha esperanza que non se apaga. Esa vivencia que non se garda co hábito na tarde da Pascua de Resurrección senón que se prolonga como eco cada domingo do ano.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
[Portada: Junta General de Cofradías de la Semana Santa de Ferrol]








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















