Xa vai pola décima edición a Xornada de encontro das Penitenciarias das dioceses galegas. O encontro congregou este pasado sábado 17 na Casa de Exercicios compostelana a un centenar de persoas entre voluntarios, capeláns e delegadas, funcionarios e internos e internas dos centros penitenciarios, e persoas próximas ó ámbito penitenciario de varias entidades sociais, de Cáritas, ou que simplemente que desexaban ter un achegamento.
A Xornada foi aberta polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, e contou coa presenza do ate este mes responsable desta Pastoral na Conferencia Episcopal, monseñor Fernando García Cadiñanos, bispo de Mondoñedo-Ferrol. D. Fernando acompañou con especial sensibilidade esta realidade e desexa continuar moi vencellado á mesma.
Os obxectivos destas convocatorias son tres: reforzar a comuñón entre os equipos das dioceses galegas, ofrecer unha formación ó voluntariado, e crear sensibilidade social cara a realidade escondida do mundo penitenciario.
Este ano foi organizada pola diocese de Tui-Vigo, e contou coa exposición de José Luis Segovia, avogado e sacerdote da diocese de Madrid, e profesor do Instituto Pastoral da Pontificia de Salamanca. Segovia ten unha longa experiencia de traballo no mundo da exclusión social desde o compromiso pastoral e o estudo.
O tema foi a prisonización: a progresiva destrucción da personalidade provocada polo illamento social das longas estadías en prisión, así como a problemática da enfermidade mental dentro da prisión, moitas veces causa do delicto, e presente por desgracia en proporcións desorbitadas entre a poboación reclusa. O relator propugnou un verdadeiro cambio de paradigma no que se aposte pola inserción social dos reclusos, a humanización das penas, e o fincapé no tratamento personalizado. Existen alternativas á prisión e débese promover a xustiza restaurativa, que propugne o resarcimento da víctima, a responsabilización do victimario, a paz social e a posibilidade da reconciliación. Por outra parte débese buscar a prevención social do delicto, con, por exemplo, un serio plan nacional de atención á enfermidade mental que logre superar as carencias da sanidade pública neste campo. Esta é a opción da Igrexa: o traballo pola inserción social tendo en conta o perdón e a perfectibilidade da persoa no corazón do Evanxeo.
Por outra parte, a Xornada contou coas interesantes participacións de Marina Fuentes, psiquiatra do C.P. de A Lama, e Margot Losada, educadora social no módulo de atención psiquiátrica de Teixeiro, quen puxeron en valor o traballo especializado e denunciaron a escaseza de psiquiatras e recursos específicos neste campo nos cárceres de España. Un creativo podcast permitiu dar voz a diferentes testemuños de presos, poñendo unha nota de cor no programa. A participación das presas e presos na Xornada permitiu abrir unha necesaria fiestra cara un mundo que non debe quedar orillado nunha sociedade democrática e de dereito, no que a comunidade de seguidores de Xesús faise presente, pois a Igrexa naceu entre cárceres e acompañando ós seus presos, e clamando polo Reino e a vinda dunha nova xustiza.
Fonte: Arcebispado de Santiago de Compostela









Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.



















