“É un camiño que non se percorre só”: a familia diaconal galega vive o seu encontro anual en Vilagarcía

  • Javier Acosta, primeiro candidato ao diaconado permanente na nosa diocese, subliñou o papel da familia no discernimento da súa vocación

Vilagarcía de Arousa acolleu o pasado luns 10 de agosto, festividade de San Lourenzo, diácono e mártir, a convivencia anual da familia diaconal galega. O encontro reuniu a 86 participantes: diáconos permanentes, aspirantes e candidatos, familiares, sacerdotes acompañantes e persoas vinculadas aos procesos de formación nas distintas dioceses.

A Diocese de Mondoñedo-Ferrol estivo representada por Javier Acosta, primeiro candidato ao diaconado permanente da nosa diocese, que acudiu acompañado da súa esposa e a súa filla. A súa presenza marca un fito na Igrexa mindoniense-ferrolá e pon de relevo unha dimensión esencial do diaconado permanente: unha vocación que se vive co acompañamento da familia e da comunidade eclesial.

A xornada comezou no Pazo de Rubiáns coa acollida dos participantes e unha visita ao pazo, a adega e aos xardíns. Foi un primeiro espazo para coñecerse, poñer rostro a quen comparte esta vocación noutros lugares de Galicia e achegarse ás distintas realidades do diaconado permanente en cada diocese.

Un dos momentos centrais tivo lugar na igrexa parroquial de Santa María de Rubiáns, onde o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, presidiu o rito de admisión de dous aspirantes desta arquidiocese. Con este rito, os aspirantes pasan a ser formalmente candidatos e continúan un itinerario de formación humana, espiritual, pastoral e teolóxica, que posteriormente continuará nos ministerios do lectorado e do acolitado antes da ordenación diaconal.

Durante a xornada lembrouse especialmente a figura de san Lourenzo e o sentido do servizo como centro da vocación diaconal. O arcebispo compostelán animou a vivir este proceso non como unha preparación para desempeñar unha función, senón como unha verdadeira entrega persoal, desde a dispoñibilidade, a madurez, a responsabilidade e, sobre todo, cun “corazón de servidor”.

Tras o xantar no Pazo de Rubiáns, houbo tempo para a convivencia e o diálogo. Para quenes comenzan agora o seu camiño, o encontro resultou especialmente enriquecedor, xa que lles permitiu coñecer de primeira man a experiencia de diáconos xa ordenados, compartir inquietudes cos aspirantes e candidatos doutras dioceses e comprobar a diversidade de realidades pastorais nas que se desenvolve este ministerio.


Unha vocación de servizo á Igrexa e aos demáis

Para Javier Acosta, a xornada supuxo tamén un impulso neste novo camiño iniciado en Mondoñedo-Ferrol. A posibilidade de participar xunto á súa esposa e a súa filla reforzou o carácter familiar dunha vocación que non se vive de xeito illado, senón acompañada e sostida por quen forma parte da vida cotiá do candidato. «Foi unha experiencia moi enriquecedora, que me permitiu coñecer de cerca a realidade do diaconado permanente noutras dioceses galegas e, sobre todo, atopar unha acollida extraordinaria por parte dos diáconos, candidatos e as súas familias —sinalou Acosta—. Gustaríame que esta experiencia servise tamén para animar a outras persoas que poidan sentir esta chamada a dar o paso e achegarse ao diaconado permanente, sempre desde unha clara vocación de servizo á Igrexa e aos demais. É un camiño de discernimento que non se percorre só e no que, no meu caso, o apoio da miña muller, da miña filla e de toda a miña familia está a ser fundamental. Quedo coa fraternidade vivida durante esta xornada e coa ilusión de seguir camiñando e aprendendo de quen leva anos entregados a este ministerio».

A xornada concluíu coa celebración da eucaristía na parroquia de Nosa Señora da Xunqueira.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas