Celebramos un ano máis a festa do Corpus. Un día moi especial que as nosas comunidades preparan con especial agarimo: os nenos de comuñón, as alfombras, as procesións… O noso pobo soubo conservar a importancia que ten a eucaristía como o sacramento especial onde queda o mesmo Xesús connosco. Sigamos coidando o noso aprecio á eucaristía celebrada e adorada.
Alégrame moito que este ano en Ferrol se celebre cunha nova iniciativa: un grupo de adoración eucarística na capela das Escravas que permitirá que estea aberta para a adoración durante todo o día. Ata o momento xurdiron corenta e catro voluntarios que, durante unha hora á semana, acompañarán a Xesús Eucaristía e presentaranlle as nosas peticións pola nosa Igrexa diocesana e o noso mundo. Sen dúbida esta constancia no compromiso forxará unha amizade co Señor que lles axudará a mirar o mundo cos seus ollos de misericordia.
E é que necesitamos ser guiados polo Señor para mirar o mundo como El o fai. Porque cando celebramos a eucaristía ou adoramos ao Señor non nos afastamos do mundo no que vivimos, senón que penetramos mellor nel, pois o facemos desde o corazón misericordioso do Señor. Por iso, a festa do Corpus é tamén a festa de Cáritas, que se encarga cada día de abrirnos os ollos a unha realidade que sempre nos desborda.
En efecto, podemos vivir ensimesmados nas nosas propias urxencias e no noso propio mundo de cristal. Pero Cáritas espértanos constantemente para facernos descubrir esoutro lado da realidade que dificilmente cruzamos e co que non queremos enfrontarnos. É o lado dunha sociedade que sofre, que non ten acceso a dereitos, que padece as consecuencias dun modelo económico e social que descarta e exclúe. Son rostros concretos de irmáns nosos que non teñen traballo, que teñen dificultades de acceso á vivenda, que viven a exclusión, que sofren a soidade, que tiveron que emigrar dos seus países…
Neste ano Cáritas diocesana fálanos do empobrecemento de persoas que padecen o encarecemento dos custos da vida; do aumento de familias, maioritariamente de Colombia, Perú, Cuba e outros lugares de conflito, que solicitan axuda para cubrir as súas necesidades nas nosas comunidades de acollida; da cronificación da pobreza que impide os procesos de inclusión por dificultades laborais e doutra clase; da soidade e o illamento de anciáns e persoas soas; da situación dramática de persoas con enfermidades mentais que non teñen os recursos sociais necesarios…
Nestas situacións seguimos escoitando a voz do Mestre que nos chama: “O que fixestes a un destes meus irmáns máis pequenos, a min fixéstesmo”. Esta invitación lévanos a non quedar indiferentes ante a realidade que nos rodea. A celebración da festa de Cáritas, a festa do Corpus, permítenos acoller mellor as palabras do papa Francisco: “Podemos corresponder ao amor que Deus ten por nós converténdonos en signo e instrumento dese amor para os demais. Non hai mellor modo para mostrar a Deus que comprendemos o sentido da eucaristía que entregando aos demais aquilo que recibimos”.
En efecto, así o testemuña Cáritas: onde se necesita, a través dos seus proxectos, presenzas e iniciativas, abre camiño á esperanza. Descúbroo cada vez que me atopo con participantes de Cáritas que me falan de como atoparon aí unha man de esperanza que fortalece as súas capacidades e posibilidades, que lles axudaron a afrontar os problemas e dificultades con outros.
Esta segue sendo hoxe a tarefa: abrir camiños. Desde logo non está na nosa man solucionar todos os problemas, senón xerar esperanza e facelo sinodalmente: traballadores, voluntariado, sacerdotes, comunidade cristiá, socios, doantes, institucións e empresas colaboradoras, entidades do terceiro sector. Grazas polo voso quefacer e a vosa confianza. Grazas por seguir empeñados en transformar a nosa casa común para facela máis habitable para todos. Que todos atopemos forza e alimento no Pan entregado e no Sangue derramado de Cristo Eucaristía.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















