Galicia renovou en Lugo a súa Ofrenda ao Santísimo Sacramento

  • A celebración estivo presidida por monseñor Antonio Valín, bispo de Tui-Vigo, diocese á que correspondeu este ano a presentación da Ofrenda

A catedral basílica de Santa María de Lugo acolleu este domingo a celebración da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, unha das tradicións relixiosas e institucionais máis antigas de Galicia, integrada na solemnidade da Oitava do Corpus Christi e culminada coa tradicional procesión eucarística polas rúas da cidade.

A celebración estivo presidida por monseñor Antonio Valín, bispo de Tui-Vigo, diocese á que correspondeu este ano a presentación da Ofrenda, acompañado polo bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco; o arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto; o bispo de Ourense, monseñor José Leonardo Lemos; e o bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García, alén dos bispos eméritos monseñor Julián Barrio e monseñor Luis Quinteiro.

Entre as autoridades asistentes atopábanse o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; así como representantes das restantes cidades históricas do antigo Reino de Galicia.

A xornada comezou coa tradicional procesión de autoridades desde a Casa do Concello ata a catedral lucense, onde foron recibidas polo cabido catedralicio antes de ocupar os seus lugares no coro.


A renovación dunha tradición secular

Tras a celebración da eucaristía da Oitava do Corpus Christi e unha vez concluído o Credo, tivo lugar o acto solemne da Ofrenda.

En representación do Reino de Galicia, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, dirixiuse á altar maior para pronunciar os votos da Ofrenda ante o Santísimo Sacramento. Acompañado por dous cóengos, renovou unha tradición que se remonta a 1669 e que continúa reunindo ás sete cidades históricas de Galicia ao redor da eucaristía.

Durante a súa intervención lembrou que a Ofrenda constitúe «a tradición institucional máis antiga que se conserva en Galicia» e destacou o seu valor como expresión da identidade colectiva galega e da continuidade histórica dunha tradición mantida durante máis de tres séculos. Así mesmo, puxo ante o Señor as preocupacións e esperanzas dos galegos de hoxe, pedindo especialmente por quen sofre a pobreza, a exclusión, a soidade ou a falta de oportunidades.


«O voto de hoxe non é un acto de nostalxia histórica»

A resposta á Ofrenda e a homilía corresponderon a monseñor Valín Valdés, bispo de Tui-Vigo, quen centrou a súa reflexión no significado actual desta tradición e nas esixencias que nacen da eucaristía para a vida cristiá.

«O voto de hoxe non é un acto de nostalxia histórica», afirmou ao comezo da súa intervención, subliñando que a renovación anual da Ofrenda non pode entenderse como un simple recordo do pasado, senón como unha chamada a vivir hoxe o Evanxeo desde a fraternidade, a comuñón e o compromiso cos máis vulnerables.

O prelado lembrou que a eucaristía non pode separarse da realidade concreta de quen sofre e sinalou que «a eucaristía prolóngase onde a dor humana clama xustiza». Desde esa perspectiva, invitou a contemplar o rostro de Cristo en quen padece a falta de vivenda, a precariedade laboral, a soidade non desexada, os problemas de saúde mental ou as consecuencias dos procesos migratorios.

Monseñor Valín alertou tamén contra a polarización social e as novas formas de deshumanización presentes na sociedade contemporánea. Lembrando recentes ensinanzas do papa León XIV, insistiu na necesidade de custodiar sempre a dignidade da persoa humana fronte a calquera forma de descarte ou instrumentalización.

Dirixíndose aos fieis reunidos na catedral, afirmou que «comulgar é atreverse a ser, como Cristo, pan partido para os demais», invitando a todos a vivir a fe desde a proximidade, a misericordia e o servizo.


Bendición papal e procesión eucarística

Concluída a celebración eucarística, o bispo de Lugo impartiu a bendición papal aos fieis congregados na catedral. A continuación, o Santísimo Sacramento foi colocado no viril para iniciar a tradicional procesión eucarística polas rúas da cidade. A procesión percorreu o itinerario previsto antes de regresar á catedral, onde tivo lugar a bendición final co Santísimo Sacramento e a reserva eucarística.


Unha tradición viva

A celebración contou ademais coa participación de numerosos fieis, representantes das sete cidades históricas galegas, membros da Asociación Traxe Tradicional de Tui desprazados a Lugo xunto á representación oficial da cidade, así como das asociacións Os Xílgaros de Lugo e Traxandaina, que contribuíron a realzar o carácter cultural e popular da xornada.

Máis de tres séculos despois da súa instauración, a Ofrenda do Reino de Galicia continúa sendo unha expresión singular da vinculación histórica de Galicia co Santísimo Sacramento e unha manifestación viva dunha tradición que atravesou xeracións mantendo unidas a fe, a memoria e o patrimonio común do pobo galego.

TEXTO OFRENDA alcalde de Tui
TEXTO HOMILÍA obispo de Tui-Vigo

Fonte: Diocese de Lugo

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas