Celebramos hoxe o 60º aniversario da constitución de Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol. Non foi, con todo, o inicio da vida de caridade nesta Igrexa: a nosa historia está infestada de múltiples expresións de amor cara aos máis vulnerables e excluídos. Pero hai 60 anos, a Igrexa mindoniense estruturouse para dar unha forma moderna e organizada á caridade, facendo realidade o mandato permanente de Xesús: “Dádelles vós para comer”.
A historia da Igrexa é sempre unha historia de caridade. En ocasións, cando miramos cara atrás, fixámonos nos homes e mulleres que serviron á comunidade desde diferentes misións, moitas delas con cargos de responsabilidade. A súa pegada quedou para sempre en obras de arte, en edificios, en estruturas, en proxectos, en consecuencias concretas para o territorio. Pero, sen dúbida, a pegada máis importante, porque mostra o Deus no que cremos, é a pegada que produce o amor. Cáritas responde a esta historia de amor, que vive da fe e xera esperanza.
E é que Cáritas existe non porque haxa pobres, senón porque hai unha comunidade que quere reflectir o amor de Dios e ser motor de acollida, de integración, de promoción, de desenvolvemento humano e social. Onde hai unha comunidade de crentes que se toma en serio o Evanxeo de Xesús ten que existir un grupo de Cáritas que queira facer realidade as entrañas de misericordia do Pai. Un grupo capaz de acoller, de acompañar, de promover a cada persoa que se achega en busca dunha solución para unha ferida que lle doe. Pero tamén un grupo capaz de espertar e educar á comunidade, de sensibilizala ante problemas, de promover unha sociedade máis xusta e fraterna, de reivindicar dereitos e humanidade.
En 60 anos son moitos os xestos de esperanza que se ofreceron, desde as nosas comunidades cristiás, ao longo e ancho de todo o territorio diocesano. É fermoso que este aniversario coincida co Ano Xubilar, ano da esperanza. Un ano xubilar no que se nos convida a volver a Aquel que nos dá esperanza no medio da escuridade da historia. Un ano no que se nos provoca a ser comunidades e fogares de esperanza ante tanta desolación e dificultade que existe no noso mundo. A iso precisamente contribúe a nosa Cáritas: a anunciar que existe a esperanza, a presentar a Aquel que nos acompaña na nosa dor, a ofrecer as mans da comunidade para acoller e arroupar a nosa fraxilidade. Porque Cáritas é a Igrexa e a súa misión, non o esquezamos, é a evanxelización: levar a boa noticia aos pobres e excluídos, ofrecéndolles a salvación.
Ao longo de 60 anos moitas cousas cambiaron. A caridade que ofrece Cáritas presupón e susténtase na xustiza, pero sempre a supera: conleva a asistencia, pero tamén a promoción e o compromiso por unha sociedade máis xusta. Xa non se trata só de socorrer as necesidades materiais dunha pobreza evidente, senón de ofrecer camiños de integración a homes e mulleres concretos que viven a súa existencia no medio da exclusión ou a vulnerabilidade. Por iso, nestes 60 anos, a nosa Cáritas creceu e mudou o seu rostro, aínda permanecendo fiel á súa esencia, co obxectivo de axudar sempre desde a dignidade inalienable da persoa ofrecendo aquilo que é fundamental: traballo, vivenda, dignidade, plena cidadanía…
Non me queda senón agradecer de corazón a todas as persoas que fixeron posible esta fermosa historia de amor, de fe e de esperanza. Desde os sacerdotes que nas súas parroquias promoveron os diferentes grupos de acollida, a tantos voluntarios que se identificaron con este fermoso proxecto. Grazas polo voso tempo e a vosa sensibilidade. Cheirades a Evanxeo! Grazas tamén a tantos axentes contratados que destes a vosa profesionalidade e que crecestes entre nós. Grazas aos socios, doantes e colaboradores que confiades na nosa tarefa e no noso proxecto de sociedade. Sigamos xuntos anunciando a esperanza moitos anos máis. Parabéns!
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















