Gonzalo Lebredo Álvarez ten 23 anos, é de Ribadeo e este ano está a cursar primeiro curso de teoloxía no Seminario Interdiocesano de Santiago. Co gallo do Día do Seminario falamos con el sobre a súa vocación.
Gonzalo, como lle explicarías a un mozo que é a vocación?
Eu diríalle que para alcanzar a felicidade verdadeira, que é o ideal de calquera persoa, ten que darse aos demais. Por iso dicimos que Deus nos chama a todos os homes e mulleres do mundo a vivir esa felicidade redentora e sanadora que vén del. Podes ser sacerdote, ser pai ou nai de familia, vivir nunha comunidade monástica ou un só no deserto, e todas son maneiras de vivir esa opción de felicidade liberadora. A clave é que exerzas a túa liberdade entregándote a aquilo para o que fagas falta.
Por que ser hoxe sacerdote?
Dentro desta misión que é para todos están os sacerdotes. Un sacerdote ten o papel de transmitir a felicidade da redención e a sanación a través dos sacramentos ou misterios, que son manifestacións do divino na historia de salvación de cada home e muller.
E nestes tempos, que sentido ten?
Ser cristián é ser radicalmente humano, e o que nos fai diferente aos humanos do resto da creación é a liberdade. Cristo é a verdade e esa verdade é fonte de liberdade. A liberdade é o que nos fai humanos e está en perigo como nunca. Cada día somos máis escravos das tecnoloxías, do Estado e do gran capital e un sacerdote hoxe debe colaborar na obra divina de redención rompendo os xugos que coutan a liberdade.
Como ser sacerdote sementa esperanza para ti?
Para min hai catro puntos que son a chave: a oración, a formación, a relación cos demais e a pertenza ao noso pobo. Para sementar esperanza precisas estar cheo da fonte de esperanza, que é Deus, a través da oración. A oración é fundamental para calquera humano que queira trascender as súas propias fronteiras, vogar mar a dentro. Para ser capaz de percibir a esperanza necesitas un sentido da estética. A estética hai que educala a través da formación filosófica e teolóxica, a cultura e o coñecemento do mundo. Para ser capaz de transmitirlles a esperanza aos demais necesitas estar entre os demais, non vivir illado na autorreferencialidade nin nunha burbulla. E para estar entre os demais hai que ser xente normal e sociable e ter claro que Deus nos chamou a existir neste país, Galicia, neste recuncho do vello mundo. Non podemos pretender sementar nunha terra que non coñecemos, nin amamos nin sentimos propia. Xesús puxo a súa casa entre nós, di o Evanxeo; falou na lingua da súa xente e seguiu as tradicións do seu lugar e o seu tempo. No fondo é aquilo que dicían os antigos, aquilo de lex orandi, lex credendi, lex vivendi.
Que lle dirías a alguén que se plantexa a vocación?
Onde hai fume, hai lume. Se cres que ser sacerdote pode ser o teu, se te sentes atraído por esta vida que cativou a tanta xente ao longo da historia, eu diríache que as portas do Seminario están abertas para entrar e para saír. Probando é como vas saber se ese pensamento que tes é algo pasaxeiro ou realmente hai algo máis. No Seminario vas ter a posibilidade de cultivar a formación, a oración e a vida de comunidade. Sempre xorden dúbidas antes de entrar: eu non vallo para isto, non vou cadrar coa xente que está aí, isto é unha arroutada que se me vai pasar… Podes pensar de todo, tamén o pensei eu. De verdade, proba.
Unha canción relixiosa…
Gústame moito o estilo da música de Taizé. Son letras moi sinxelas e repiten unhas poucas frases. A música é tamén sinxela e non distrae. O estilo é atemporal e trascende fronteiras lingüísticas. As distintas tradicións da Igrexa únense na súa música, encántame.
Unha película que marcou a túa vida…
“Des hommes et des dieux”, que non sei por que en castelán lle deron a volta ao título e temos “De dioses y hombres”. Para min é unha marabilla de película e un testemuño do que significa ser cristián: ser humanos amando até tal extremo que nos custe perder a vida. Xa nos din os evanxeos que quen perda a vida pola causa de Xesús, poñeraa a salvo.
E un santo que che pareza especial…
San Bieito, o patrón de Europa, é un home santo que ten moita devoción en Galicia. Para min a regra de san Bieito é unha fonte inesgotable. Non só serve para as monxas e os monxes, é un texto que me serve para entender como vivir a miña vida cristiá en conxunto: como debe ser a miña relación cos demais, como debo vivir o traballo, a oración ou practicamente calquera aspecto da vida. San Bieito entende perfectamente como é a nosa psicoloxía e entender a mente humana é algo que nos soluciona moitos problemas.
Entrevista de Javier Martínez
Tamén che pode interesar
Mensaje del obispo: “Ante el Día del Seminario”
El Seminario de Mondoñedo, un centro de referencia vocacional








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.



















