En cada celebración eucarística o Señor entrégasenos dun xeito total, facéndose pan partido para que teñamos vida. Este don inmenso non é só un acto de fe individual, senón unha chamada apremiante a vivir a caridade e o amor aos pobres que El mesmo nos ensinou coa súa vida e a súa palabra.
A eucaristía, na súa esencia máis profunda, revélanos o amor incondicional de Deus. É o sacrificio de Cristo que se fai presente, o seu corpo entregado e o seu sangue derramado pola salvación de todos, especialmente dos máis necesitados e vulnerables. Como poderiamos, entón, participar deste banquete divino e non sentir no noso corazón o impulso de compartir ese mesmo amor con quen nos rodea, en particular con aqueles que sofren?
Non podemos separar a mesa do altar da mesa dos nosos irmáns máis empobrecidos. Ten sentido, por tanto, que o día do Corpus, o día eucarístico por excelencia, sexa tamén o Día da Caridade, o Día de Cáritas. A eucaristía nútrenos para o camiño, fortalécenos para o servizo e impúlsanos a recoñecer o rostro de Cristo en cada persoa que pasa necesidade. Cando o sacerdote nos di «podedes ir en paz», non é un simple final, senón un envío. Somos enviados ao mundo para ser eucaristía viva, para prolongar o amor de Cristo nas nosas accións cotiás.
Pero esta caridade que todo cristián ha de vivir no día a día cotián, nos seus compromisos e opcións sociais, económicas e políticas, necesita tamén estar organizada. Xorde aquí Cáritas, como expresión da caridade da Igrexa, como resposta organizada que a Igrexa dá ante o mundo da exclusión, a vulnerabilidade e o empobrecemento. Porque Cáritas non é só unha organización asistencial: é a expresión visible e concreta da caridade da Igrexa, o brazo estendido da nosa comunidade que chega a aqueles que están á marxe, aos que foron esquecidos ou excluídos, extensión do misterio eucarístico que se celebra no templo.
Durante estes días, a nosa Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol (que cumpre neste ano o seu 60º aniversario) presentou a memoria de actividades correspondente ao ano 2024. Convídovos a consultala. É todo un exercicio de trasparencia e de rendición de contas, na que comparte connosco o seu bo facer para que sigamos confiando e apoiando a súa obra. Nela exprésansenos algúns dos problemas principais que teñen que afrontar as persoas que acompañan. Entre eles, destaca o problema da vivenda, que, se afecta a todos, golpea especialmente aos máis desfavorecidos. Urxe atopar entre todos resposta a este reto social: cunha nova cultura, unha nova economía e unha boa política que axude a buscar saídas a este problema. Non é posible que Galicia, tamén a nosa diocese, sexa a rexión española con máis situacións de chabolismo de España, e iso que existen fondos para erradicalo! Temos que facer algo! Igualmente é sanguento a situación de tantos inmigrantes con situación administrativa irregular, quenes podendo e querendo traballar, necesitando traballar e habendo demanda, non poidan facelo por “enrocamentos” políticos. É urxente dar paso á Iniciativa Lexislativa Popular que abriría horizontes de esperanza a moitas persoas.
Celebrar a eucaristía é tomar consciencia tamén destes problemas que afectan a irmáns nosos. A eucaristía non nos evade, senón que nos mergulla no amor que sabe mirar e que nos debe levar a un compromiso cada vez máis profundo coa xustiza e a solidariedade. Que cada comuñón nos impulse a ser máis xenerosos, máis compasivos, máis atentos ás necesidades do noso próximo. O amor aos pobres non é unha opción secundaria para o cristián, senón unha consecuencia ineludible do noso encontro con Cristo na eucaristía. Neles, Cristo mesmo espéranos.
Quero agradecer aos voluntarios e axentes de Cáritas, aos socios e doantes, ás institucións que confían no seu bo facer. Quero convidar a todos a participar nesta gran familia de Cáritas para seguir xerando unha cultura de fraternidade e de esperanza. Que esta festa eucarística do Corpus, que ten tanta tradición na nosa terra, transforme as nosas parroquias e comunidades en fogares de acollida e solidariedade.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















