- Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade 2025
Celébrase hoxe, día 3 de decembro, o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Unha xornada que nos convida a visibilizar a tantas persoas que sofren algún tipo de discapacidade: física, sensorial, intelectual, psicosocial, mental. Unha situación que afecta a máis de catro millóns de persoas no noso país, en torno ao 9 % da poboación. E xunto a iso, pretende interrogarnos sobre o tipo de sociedade e de Igrexa que estamos a construír para que todos se sentan plenamente integrados.
Desde a Igrexa trátase dunha realidade que nos debe preocupar. Son moitos os encontros e as visitas que vou realizando a asociacións e colectivos que traballan con estas persoas. Entre as moitas presenzas na nosa diocese, alégrame especialmente a do Hospital San Pablo en Mondoñedo e o traballo que as Hijas de la Caridad alí realizan. Xunto a este exemplo, tantas persoas e iniciativas que dedican tempo, traballo, imaxinación, voluntariado a esta loable realidade. Grazas!
Nos meus encontros comentádesme os vosos proxectos, esperanzas, logros. Sen dúbida, é moito o que se avanzou neste campo na nosa sociedade. Temos que agradecelo e alegrarnos por iso, sabendo que aínda nos queda moito camiño por percorrer. Nunha sociedade marcada pola meritocracia e un individualismo que exalta a «autonomía» absoluta, existen enormes dificultades para acoller a interdependencia e a fraxilidade humana. Por iso, entre outras cousas, fáltanos non pouca sensibilización cara a estes colectivos. Non temos unha mirada atenta que axude a integrar, acoller, promover. Entre todos, habemos de superar e vencer tantas barreiras que dificultan a moitas persoas poder participar e enriquecer a nosa sociedade.
A mensaxe de Xesús enraíza máis fortemente a inviolable dignidade de toda persoa, sexa como for a súa situación e estado. Cada persoa, cos seus dons e a súa historia particular —tamén coas súas fraxilidades—, é un agasallo único de Deus. A discapacidade nunca pode ser vista como unha carencia. Non se trata, por tanto, de compadecernos, senón de promover un camiño de xustiza que constrúa unha sociedade do ben común: nese marco, todos alcanzarán a plena inclusión desde o exercicio dos dereitos. O exemplo de Xesús no evanxeo, que se atopou con tantas persoas con discapacidade ás que volveu introducir no camiño e na comunidade, é un bo exemplo e semente para nós.
Nese sentido, gustaríame hoxe dirixirme ás persoas con discapacidade e ás súas familias: a Igrexa ámavos, e necesita de todos e cada un para ser a gran familia de todos. A Igrexa necesítavos e quere acompañarvos tamén no voso camiñar. O encontro con Cristo pode axudarvos tamén a descubrir un novo sentido e horizonte á vosa existencia que vos leve, como a todos, á plenitude e á felicidade. As vosas vidas de esforzo, sacrificio, valentía, entrega escondida, xenerosidade, solidariedade, alegría… son un testemuño de fe e unha brillante achega para a nosa sociedade que nos gustaría moito fomentar e animar desde a caridade en Cristo.
Tamén, neste día, sería bo que, como Igrexa, nos fixésemos algunhas preguntas: Facemos todo o posible para que todos, segundo as súas capacidades, poidan atoparse con Xesús? Suprimimos ou facemos o posible por suprimir barreiras de todo tipo na nosa comunidade: físicas, culturais, comunicativas, mentais? Escoitamos, acompañamos e acollemos ás asociacións e colectivos con discapacidade nas nosas parroquias? Adaptámonos ás necesidades das persoas? Son as nosas comunidades, de verdade, unha nai/familia que sabe acoller, acompañar, dar protagonismo e atopar un lugar para cada un dos seus membros? Estas preguntas poden ser un bo exame de conciencia que promova camiños de conversión sempre necesarios: na adaptación dos nosos templos, na catequese, na participación litúrxica…
A Igrexa quere ser fermento dunha nova sociedade onde se nos mire como persoas e non polas nosas capacidades. A esa tarefa anímovos.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















