Máis de 300 persoas participaron en Santiago no Encontro do Voluntariado de Cáritas en Galicia

Máis de 300 persoas voluntarias das cinco Cáritas diocesanas de Galicia reuníronse este sábado, 26 de abril, no Colexio La Salle de Santiago de Compostela para celebrar o XVI Encontro do Voluntariado. Baixo o lema “Cáritas, motor de comunidades acolledoras”, a xornada estivo marcada polo recordo e homenaxe ao papa Francisco, recentemente falecido, e por unha reflexión profunda sobre o papel do voluntariado na sociedade actual.


Cáritas, «a primeira porta de entrada á Igrexa»

A sesión central do encontro correu a cargo de Fernando Redondo Pavón, director do Departamento de Migracións da Conferencia Episcopal Española, quen subliñou a importancia de Cáritas como «motor» de acción caritativa dentro das comunidades parroquiais. Redondo destacou que, para moitas persoas migrantes, Cáritas representa «a primeira porta de entrada á Igrexa» e avogou por unha pastoral que traballe «con» as persoas migrantes, non soamente «para» elas.

Durante a súa intervención, Redondo Pavón lembrou o incremento da migración en España nos últimos anos e instou á sociedade a recoñecer o valor material, cultural e espiritual que os migrantes achegan. Ademais, fixo un chamamento a vivir unha cultura do encontro fronte ao rexeitamento, defendendo o dereito fundamental a emigrar ou a non verse obrigado a abandonar o propio país.


Cáritas, impulsora de comunidades acolledoras

A continuación, unha mesa redonda abordou diversas experiencias de Cáritas como impulsora de comunidades acolledoras. Destacáronse programas destinados á integración social e laboral de persoas migrantes, nos que o voluntariado xoga un papel esencial: creando espazos seguros, xerando confianza e acompañando no proceso de inclusión social e profesional.

Participantes nestes proxectos compartiron testemuños emotivos sobre como Cáritas brindoulles apoio en momentos críticos, permitíndolles refacer as súas vidas e sentirse acollidos na comunidade.


Agradecemento ao voluntariado de Cáritas

A xornada concluíu cunha eucaristía xubilar celebrada na catedral de Santiago de Compostela, presidida polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos. Durante a celebración, Carlos Juiz Díaz, director de Cáritas Interparroquial de Santiago, realizou a tradicional ofrenda ao apóstolo en nome de toda a familia de Cáritas, destacando o compromiso da entidade na loita contra a pobreza, a defensa dunha vivenda digna e o acompañamento ás persoas migrantes. Juiz tamén tivo palabras de recordo para o papa Francisco e pediu sabedoría para os cardeais que deberán elixir ao novo pontífice.

Pola súa banda, monseñor García Cadiñanos destacou na súa homilía tres aspectos fundamentais: a experiencia de Xesús no centro, a certeza de que o Espírito Santo acompaña e guía e, por último, a misión de ser signos no medio do mundo. Monseñor García expresou a súa gratitude aos voluntarios e ás Cáritas parroquiais e diocesanas de Galicia por ser signos especiais do amor de Deus, tocando as feridas de Cristo, levando alivio e consolo. Animounos a non cansar e a “contar co alento do Espírito para vivir no amor, despois de experimentar o amor de Deus”.


Cáritas en Galicia atende e acompaña a 90.000 persoas a través dunha rede de 4.500 voluntarios

Galicia conta con cinco Cáritas diocesanas, que se corresponden coas dioceses de Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Mondoñedo-Ferrol, Lugo e Ourense, que na actualidade desenvolven a súa acción caritativa a través de 468 Cáritas parroquiais. Deste xeito, Cáritas ten presenza en 141 concellos con 571 puntos de atención. Actualmente, preto de 90.000 persoas benefícianse dos programas de Cáritas en Galicia grazas ao labor de 4.500 voluntarios, que son o piar básico e insubstituíble da acción de entidade.

Os programas de Acollida e Asistencia, Emprego, Atención a Persoas Maiores, Infancia, Muller ou Persoas sen Hogar son os principais destinatarios.

GALERÍA DE IMAXES

Fonte: Arquidiocese de Santiago. Comunicación

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas