O arciprestado de Ferrol acaba de anunciar a través do seu servizo de comunicación a organización dunha peregrinación ao mosteiro cántabro de Santo Toribio de Liébana, en Santander, co obxectivo de gañar as indulxencias que ofrece o Ano Xubilar Lebaniego.
Trátase dunha excursión de catro días de duración, entre o 28 de setembro e o 1 de outubro, con visitas programadas a Suances, Santo Toribio, Santander, Santillana del Mar e Cudillero.
En canto ás condicións da viaxe, fíxase o prezo do mesmo en cuarto dobre en 320 euros, cun suplemento para aquelas persoas interesadas en dispoñer dun cuarto individual de 85 euros.
Desde a organización convidan a participar nesta viaxe a quen o desexe, lembrando que as prazas son limitadas e que, por motivos organizativos co hotel, será necesario confirmar a asistencia durante o mes de xullo. Para solicitar información e formalizar a inscrición, están dispoñibles os seguintes teléfonos: 609 809 761 (Pedro) e 637 157 876 (Ángeles).
Planning da viaxe
28 de setembro: Saída de Ferrol a primeira hora. Chegada ao hotel en Suances. Aloxamento e xantar. Tarde libre para visitar Suances. Regreso ao hotel para a cea.
29 de setembro: Almorzo e saída cara a Santo Toribio de Liébana. Misa do Peregrino. Comida nun restaurante da zona. Visita a unha adega con cata incluida. Regreso ao hotel para a cea.
30 de setembro: Almorzo e saída cara a Santander. Visita guiada á cidade. Comida nun restaurante da cidade. Pola tarde visita a Santillana del Mar. Regreso ao hotel para a cea.
1 de outubro: Almorzo e regreso a Ferrol. Parada en Cudillero. Comida nun restaurante da zona. Saída cara a Ferrol. Chegada aproximada sobre as 20:30 horas. Fin da viaxe.
Ano Xubilar Lebaniego
Este ano 2023 celébrase un novo Ano Santo Xubilar Lebaniego, o número 74. O día 16 de abril volveu abrirse a Porta do Perdón do santuario de Santo Toribio, dando lugar a un ano de Gracia.
É a principios do século XVI cando, tendo en conta a tradición, os papas Julio II e León X ratifican definitivamente o xubileo, con indulxencia plenaria para os anos en que a festa de Santo Toribio (o 16 de abril) coincide en domingo, estendéndose a graza tamén aos sete días seguintes á festa.
Con tal motivo construíuse na devandita época a Porta do Perdón, que se abre durante o Ano Xubilar para acceder á Igrexa. Este é un signo catequético que nos lembra que Xesús é a nosa porta de acceso ao corazón misericordioso do Pai (Jn 10,9). Non hai maxia neste signo de entrar pola porta, senón recordo dunha promesa asinada coa vida entregada na cruz.
En 1967 o papa Pablo VI ampliou o privilexio de gañar o xubileo a todo o ano, sendo extraordinaria a afluencia de peregrinos que acoden ao mosteiro nos anos xubilares.
As condicións que se pide aos fieis para participar activamente do xubileu son:
a) Rezar: O Noso Pai (signo de que volvemos ao Pai Deus); o Credo (como renovación da nosa fe); unha oración polo Papa, o servo dos servos do pobo de Deus.
b) Celebrar o sacramento da reconciliación e participar da mesa eucarística na visita ao mosteiro ou ao redor desas datas da peregrinación.
Existe a posibilidade de obter a Lebaniega que acredita a túa peregrinación a este santuario no Ano Xubilar ou fóra del.