O vindeiro mércores 13 de marzo, ás 10:30 horas, terá lugar no Parador de Turismo de Ferrol unha nova edición de “Conversas no Parador”, que ven organizando o Club de Prensa de Ferrol, coa participación de monseñor Fernando García Cadiñanos, bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Fernando García Cadiñados (Burgos, 1968 ) é licenciado en Ciencias Sociais, Especialidade Doutrina e Ética pola Universidade Gregoriana de Roma (ano 2000). Exerceu como profesor na Facultade de Teoloxía do Norte de España na súa sede de Burgos, onde impartiu o curso de Teoloxía Moral Social. Igualmente foi director da aula de Doutrina Social da Igrexa da devandita facultade. Participou en numerosas conferencias, congresos e cursos de formación ao redor de Cáritas, a Doutrina Social da Igrexa, a caridade e o pensamento do papa Francisco. Tamén publicou varios artigos sobre estes temas en diferentes dicionarios e revistas especializadas.
Nomeado bispo de Mondoñedo-Ferrol o 1 de xullo de 2021, a súa ordenación episcopal e toma de posesión como bispo diocesano tivo lugar o 4 de setembro do mismo ano na Santa Igrexa catedral basílica de Mondoñedo. Pouco despois, en novembro de 2021 foi nomeado bispo responsable da Pastoral Penal, departamento da subcomisión episcopal de Acción Caritativa e Social da Conferencia Episcopal Española.
A pasada semana, no transcurso da Asamblea Plenaria da Conferencia Episcopal, (do 4 ao 8 de marzo) monseñor Fernando García Cadiñanos, resultou elixido presidente da subcomisión episcopal para as Migracións e Mobilidade Humana, cargo que nestes momentos é de grande atención para o conxunto da sociedade e unha das máximas prioridades do papa Francisco.
Unha síntese curricular de monseñor García Cadiñanos, quen en pouco mais de dous anos ao fronte da Diocese de Mondoñedo-Ferrol ten logrado un grande seguimento e aprecio pola nosa comunidade, polo que a súa participación nas “Conversas no Parador”, vai ser esclarecedora para achegarnos á actualidade da Igrexa diocesana en particular e á Igrexa no nundo en xeral.