Dispoñémonos a vivir un ano máis a Semana Santa. As nosas rúas encheranse de expresións de relixiosidade grazas ao bo facer dos centos de confrades que manifestan a súa identidade, amor e fe. As manifestacións exteriores, que espertan a curiosidade de centos de persoas, son prolongación das celebracións litúrxicas que teñen lugar nos templos. O pobo de Deus comparte e prolonga así o que alí se fai sacramentalmente.
Os tronos exhiben dunha maneira moi bela diferentes escenas da Paixón, Morte e Resurrección de Xesús. Deste xeito, todo convértese nun primeiro anuncio do misterio que está na base da fe: o amor de Deus. O que se nos conta nas rúas e o que contemplamos e rezamos nas igrexas é o mesmo misterio do amor entregado.
Trátase dun amor que non ten nada que ver cos sucedáneos do amor aos que nos teñen afeitos. O auténtico amor sofre; cando se ama de corazón, entrégase a vida; o que ama de verdade morre a si mesmo para xerar vida. E isto é o que fixo o noso Deus: porque nos ama, sufriu a morte por nós. A Semana Santa, con todo, non é un canto ao sufrimento e un encomio á dor; os cristiáns non buscamos enxalzar o val de bágoas que rodea o noso mundo. A Semana Santa é fundamentalmente a contemplación, celebración e exhibición do auténtico amor, o de Deus, que é ata o final: “Quérote tanto, que ata morro por ti”.
Pero a Semana Santa deste ano é especial. Coincide co Ano Santo Xubilar. Un Ano no que se nos convida a profundar na esperanza e ofrecela ao noso mundo que hoxe tanto a necesita. Precisamente a Semana Santa, que é expresión de amor, convértese tamén en canto á esperanza. Porque onde hai amor, hai esperanza.
En efecto, Xesús morto e resucitado é o centro da nosa fe. Esta Boa Noticia posibilita que teñamos a certeza de que cada un de nós non se dirixe a un punto escuro ou ao abismo, senón ao encontro co Señor da gloria. Como di o papa Francisco, a esperanza cristiá asegúranos que “ante a morte, onde parece que todo remata, recíbese a certeza de que, grazas a Cristo, á súa graza, a vida non termina, senón que se transforma”.
Precisamente durante a celebración da Vixilia Pascual do Sábado Santo renovamos o noso bautismo. Neste sacramento recibimos a vida nova en Cristo que quere ser eterna e plena. Sería fermoso, por tanto, que nesta Semana Santa do 2025, a do Ano Santo da Esperanza, participásemos nesta vixilia para renovar o noso bautismo, rexenerar a nosa esperanza e compartir este don con este mundo que tanto a anhela. Convídovos a todos, especialmente a vós, confrades, que estes días andades ocupados en tantos aspectos pero que nunca debedes descoidar o importante.
Queridos confrades: grazas polo voso empeño e compromiso, polo voso interese e sacrificio. Que o que fagamos sexa expresión do que nos enche por dentro. Que podamos compartir cos que nos visitan a paixón que nos motiva e ilusiona.
Queridos visitantes que vos achegades a ver algunha das nosas procesións a Ferrol, Viveiro, Mondoñedo ou a outros lugares: que ao contemplar estes misterios descubrades a fermosura da mensaxe que queren expresar as nosas imaxes, as nosas tradicións e costumes. Que volvades a casa cheos de esperanza e de vida.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















