Don Ángel Vigo leva moitos quilómetros ás súas espaldas, pero tamén moitas historias. Algunhas doces, e outras máis amargas, pero todas “únicas”, e é que ser cura no rural conleva ir “dun lado para o outro e parar máis ben pouco”.
Encargado, entre outras, da sonada igrexa de Santa María de Saavedra, no concello de Begonte, á que cada ano visitan miles de fieis para render culto á Virxe dos Milagres, “non ten prezo”, asegura Vigo, que leva preto de 30 anos como cura do santuario, do que se despide agora xunto a outras cinco parroquias, porque “xa toca descansar algo”, asegura o párroco de 84 anos, natural de Pedrafita de Guitiriz.
Non pode evitar emocionarse ao botar a mirada atrás, en especial cando mira de fronte á Virxe dos Milagres. Esa santa que chama a tantos devotos, e á que Vigo lle confire todos os méritos. Para el, o maior milagre “é o que está feito”, pero recoñece que moitas das historias dos fieis que a visitan son realmente impactantes.
“Eu fíxenme un chorón ao vir para aquí”, di o guitiricense con bágoas nos ollos mentres lembra a un home que se tumbou nada máis chegar ao santuario fronte á Virxe para enmendarlle que salvara ao seu fillo da morte.
Ángel di que un “nunca se afai a iso”. Tampouco a ver á xente chegar á igrexa de xeonllos. “Sempre lles digo que a Virxe non pide iso, pero cada un ten as súas razóns”, afirma o guitiricense, que asegura que a festividade dos Milagres experimentou “un alza incrible, e cada ano vai a mellor”.
É complicado atopar un motivo concreto, pero o párroco cre que agora, o obxectivo, “é conseguir que veña á igrexa máis xente nova para que as parroquias rurais non queden no olvido“.
Un problema importante: a falta de relevo xeracional
El explica que, ademais dos devotos, a falta de relevo xeracional nas é un problema ao que se enfrontan día a día moitos núcleos. “O bispo non pode xogar moito porque non ten ‘mimbre’ para facer cestos, ten que xogar cos que ten”, explica o cura en relación á repartición de parroquias, que no caso de Saavedra, case que coma unha ‘rara avis’ entre o resto, xa contará con substituto nada máis marchar o guitirense, que continuará dando a misa noutras dúas parroquias do concello begontés.
“Non podo dicir unha soa mala palabra da miña estancia en Saavedra, todo o que me levo é marabilloso“, sostén Vigo, que se sente moi afortunado por ter coñecido a tanta xente diferente a través dunha das igrexas máis visitadas da provincia. “Sempre che fun festeiro, aínda sendo cura, porque a min o que me gusta é falar coa xente e estar activo”, sostén Ángel, que di que ninguén confiaba en que el chegaría a cura.
Dende ben pequeno, o guitiricense foi estudar a Lugo porque era “moi traste”, e a estancia xunto á súa irmá nun piso situado fronte ao Seminario, espertou en Vigo a vocación por ser cura. “Vía a aqueles homes pasear coas súas sotanas vermellas e sempre dicía: eu quero ser coma eles”. E dito e feito. Ángel levou a cabo o seu desexo. Comezou dando misa no ano 1965 na Fonsagrada, hai case 60 anos, e xa nunca o deixou.
A vida pegou moitas voltas ata que o guitiricense deu a parar á igrexa de Saavedra que, tal e como asegura el, é o maior exemplo de milagre en si mesmo. “A igrexa ardeu, e o único que quedou intacto foi a Virxe, á que soamente lograron roubar nalgunhas ocasións as xoias que portaba”, indica o cura, que cada día madruga para chegar a Saavedra e preparar todo para a misa logo de ir dar unha volta por Rábade para tomar un café cos amigos, porque Ángel é, ante todo, un home de costumes.
Homenaxe o 16 de novembro
Este agora é soamente un “ata pronto”, xa que el pensa seguir indo á súa preciada igrexa dos Milagres sempre que poida. Pero os seus feligreses prepararanlle unha festa en homenaxe ao seu labor o próximo 16 de novembro. “A min non me gustan moito estas cousas, porque non me gusta ser proganista, pero estou moi agradecido“, di coa voz entrecortada e os ollos brillantes. “Eu voume, pero a Virxe dos Milagres estará sempre“, conclúe.
Fonte: El Progreso A Chaira








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















