Parabéns, Antonio!

O pasado 10 de maio uniámonos todos os sacerdotes da diocese de Mondoñedo-Ferrol na celebración do noso patrón, san Xoán de Ávila. Era un día de festa, para festexar e compartir o gozo de irmáns nosos que celebraban as súas vodas de diamante, ouro e prata sacerdotais. Hoxe tamén é un día de festa: un dos nosos irmáns sacerdotes, don Antonio Valín Valdés, membro do noso presbiterio diocesano, foi escollido polo papa Francisco como novo bispo da diocese irmá de Tui-Vigo.

Agradecemos moito ao Papa que se fixase nun membro do noso presbiterio para este servizo eclesial. É unha maneira de descubrirnos, na nosa pequenez, significativos. Xunto a el, en certa maneira, todos nos sentimos honrados. Nesta semana que acabamos de recibir o don do Espírito Santo, con esta grata noticia, toda a nosa Igrexa diocesana rexuvenécese neste don que se nos realiza. Estamos convencidos en esperanza de que “dando se recibe”.

Eu diría que toda a nosa Igrexa coñece a don Antonio Valín. Os seus múltiples servizos diocesanos leváronlle por toda a xeografía diocesana, especialmente o seminario, o campamento diocesano, Terra Chá e a Mariña. Como administrador diocesano e vigairo xeral serviu nos últimos anos a todo o conxunto diocesano. Valoramos a súa entrega entusiasta e xenerosa, o seu espírito de traballo e doazón, a súa xenerosidade e capacidade de acollida, o seu amor á Igrexa diocesana e ao evanxeo de Xesús. Sen dúbida son dons nos que o Papa se fixou e que, como agasallo de Dios, axudaranlle no seu novo servizo á Igrexa. Felicidades, Antonio, e parabéns! En ti atopei, desde os inicios, un apoio e acompañamento próximo no meu proceso de facerme un “galego de Burgos”. Grazas de corazón!

O servizo episcopal, sabémolo, non é un rango na escala, non é un ascenso nunha carreira que cada un decide. É un paso máis na mesma chamada que o Señor nos fixo a seguirlle no seu seguimento, a coller a súa cruz e a xerar vida desde a resurrección. Os cristiáns, pero especialmente os presbíteros, sabemos que a nosa vida está nas mans do Señor e que El nos vai guiando por camiños moitas veces descoñecidos. Sendo sempre o noso Pastor, vai conducindo por diferentes carreiros, algúns escuros, pero levados da man por El, nada tememos, porque El vai connosco sempre.

A diocese de Tui-Vigo ten algúns elementos semellantes á nosa. Configurada tamén con dúas sedes, sendo máis pequena territorialmente, é moito máis importante desde o punto de vista poboacional. Con todo, compartimos o noso carácter de fronteira con territorios distintos, unha ampla costa que nos abre sempre a horizontes amplos, unha forte presenza obreira marcada por un dilatado tecido industrial, está atravesada polos Camiños de Santiago que percorren tantos peregrinos… Estou seguro de que, como pastor celoso, saberás acompañar a este novo pobo que o Señor che regala para que te expropies. Como o trigo, sabemos o misterio e o segredo da auténtica vida: só morrendo a un mesmo xérase vida, só negándose a si mesmo ése capaz de dar froito.

O vindeiro día 20 de xullo na catedral de Tui acompañarate esta Igrexa túa na que naciches á fe e todo este presbiterio que é a túa segunda familia. Farémolo xunto aos teus amigos e familiares, xunto á nova Igrexa que hoxe te recibe con inmensa ledicia. Rezaremos contigo durante estes días para que sexas un bo pastor para o teu pobo. Aquí terás sempre a túa casa e fogar. Que a Virxe dos Remedios e san Rosendo te protexan nesta etapa que hoxe comezas.

Unha aperta de irmán e amigo.

+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas