Piso de acollida para a reinserción de presos en Ferrolterra

O pasado xoves tivo lugar na Domus de Ferrol unha reunión do noso bispo Fernando García con membros da delegacións de Pastoral Penitenciaria de Mondoñedo-Ferrol e Santiago de Compostela, así como con representantes das Cáritas de ambas as dioceses.

O encontro, que era o primeiro convocado destas características, tiña o obxectivo de comezar a organizar a infraestrutura necesaria para dotar á nosa diocese dun piso de acollida que facilite os permisos de 2º grao dos presos do centro penitenciario de Teixeiro procedentes da nosa diocese.

Trátase dunha necesidade que viña sendo demandada polos colectivos sociais da cidade, así como por membros da Pastoral Penitenciaria. Dáse a circunstancia de que moitas persoas que teñen a súa residencia na comarca de Ferrolterra non poden realizar os seus permisos na zona (o que lles facilitaría a reinserción) ao carecer de lugares e institucións de acollida. O que se pretende é que, desde Cáritas Diocesana, xunto con voluntariado da Pastoral Penitenciaria, se poida ofrecer un piso con varias prazas e o debido acompañamento social e de voluntariado, o que permitirá avanzar na necesaria reinserción das persoas privadas de liberdade que se atopan nas últimas fases da condena.

No encontro, promovido polo bispo, dialogouse desde a experiencia que xa ten a Cáritas de Santiago neste tipo de acompañamento (alí funcionan tres pisos), e tratáronse as posibles dúbidas que poden xurdir nos inicios.

Nos vindeiros meses irase definindo o proxecto e organizaranse diferentes convocatorias de sensibilización e de formación para conseguir un número suficiente de voluntarios adscritos á iniciativa. O obxectivo temporal é que no mes de setembro próximo, no marco da festa da Mercé, se poida poñer a disposición esta nova infraestrutura diocesana no marco desta pastoral da misericordia. Os interesados poden poñerse en contacto coa Pastoral Penitenciaria ou con Cáritas Diocesana.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,555SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas