Presencia diocesana en Lugo na mesa redonda “Migración e dereito ao traballo digno”

  • Acción organizada desde a plataforma Igrexa polo Traballo Decente da diocese de Lugo
  • Interveu, en representación de Mondoñedo-Ferrol, o membro da ITD José María Pérez, cunha disertación sobre a visión da doutrina social da Igrexa desde a realidade do traballo

“En Lugo convivimos pacíficamente 126 nacionalidades”, “Aínda somos unha cidade amable e acolledora. Non o perdamos!!”, “Tamén existe explotación laboral e precariedade, se miramos cara outro lado, non so somos cómplices, tamén culpables” e “Podemos tecer redes para defender o traballo como dereito”, foron algunhas das expresións que se escoitaron o pasado mércores na mesa redonda sobre inmigración e traballo digno que se celebrou en Lugo por convocatoria da Iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD) da diocese lucense.

O encontro, celebrado no Vello Cárcere, contou coa participación de representantes de CCOO e CIG, de dúas asociacións de persoas migrantes e dun laico da ITD da diocese de Mondoñedo-Ferrol, José María Pérez, quen achegou a visión da doutrina social da Igrexa (DSI) sobre esta realidade. O acto reuniu en torno a sesenta persoas para dialogar baixo o lema “O traballo é un dereito, non un privilexio”.


Ver, xulgar e actuar

A mesa desenvolveuse de forma dinámica, alternando preguntas e intervencións curtas que seguiron o itinerario do método da DSI: ver, xulgar e actuar. Na fase de “ver”, as persoas participantes achegaron testemuñas e experiencias sobre as condicións laborais das persoas migrantes, visibilizando a precariedade, a falta de dereitos e o impacto das barreiras administrativas. Na fase de “xulgar”, resaltouse a necesidade de recoñecer dignidade da persoa e do traballo, fronte ao individualismo e a insolidariedade, sinalando a necesidade de cambiar a mirada social e política sobre quen chega buscando unha vida mellor. Finalmente, no “actuar”, púxose o acento nas accións xa en marcha e na importancia de fortalecer a colaboración entre sindicatos, entidades sociais e comunidades cristiás, así como seguir creando espacios de encontro, denuncia e anuncio frente a discursos de odio e exclusión.


O traballo, expresión da dignidade humana

O debate puxo de manifesto que o traballo non é un simple medio económico, senón unha expresión da dignidade humana e da participación na construción do ben común. Houbo unha especial mención a seguir defendendo o proceso da Iniciativa Lexislativa Popular para a regularización de persoas migrantes asi como un chamamento para conseguir que o recursos públicos de acollida sexan máis eficaces.

A xornada rematou cun chamamento a construír redes de solidariedade e acompañamento que fagan posible unha sociedade onde todas as persoas traballadoras —sexan de onde sexan—poidan vivir e traballar con dereitos e dignidade.

Como dixo o papa Francisco, “non hai peor pobreza ca a que priva do traballo e da dignidade do traballo”.

Fonte: ITD Lugo/Diocese

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas