Adaptada á normativa actual e con melloras, tiráronse 4.000 exemplares da cuarta edición dunha tradución directa ao galego dende o hebreo, arameo e grego que levou máis de 15 anos completar
14 xullo 2022.- Foi unha tarde de 1972, nun local alugado polo padre Seixas en Vigo, onde abrollou un proxecto que vería a luz nada menos que 17 anos despois: unha tradución ao galego da Biblia dende os seus idiomas orixinais (hebreo, arameo e grego) que gañou o Premio Nacional de Traducción en 1990 e coa que se lle agasallou en 1989 ao papa Xoán Paulo II na súa visita a Compostela.
A lembranza de Francisco Domínguez, presidente da Sociedade e Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT) daquela xuntanza en Vigo con Alfonso Zulueta, Xaime Isla, Domingo Fernández del Riego e Xosé Luís Fontenla Rodríguez mestúrase en San Martiño Pinario coas voces de crentes galegos que reclaman para si o máis obvio: a palabra de Deus en galego, xa sexa porque «sabe máis a pan da casa», ou porque «cando rezo en galego sáeme de dentro, de alá ao fondo», ou, tirando de versos, «porque si, porque me gusta, porque me peta». Pero sobre todo, porque «os galegos precisamos e merecemos escoitala no noso idioma».
Daquel esforzo colectivo de preto de vinte anos saíu unha Biblia en lingua galega que onte presentou a súa cuarta edición, adaptada á normativa actual, revisada e mellorada baixo a coordinación de Xosé Fernández Lago (que tamén se encargou no seu día da coordinación da tradución canda a Andrés Torres Queiruga). «A palabra de Deus é sempre viva e actual e o Señor quere que a recibamos na nosa lingua para que nos resulte máis viva, máis cordial e máis agarimosa», explicaba o coordinador da presente edición.
Foi o arcebispo de Santiago, Xulián Barrio, o que lembrou que unha das principais achegas do Concilio Vaticano II foi o mandato de usar as linguas vernáculas para estender e achegar a Biblia por todo o mundo. En 1965, coa aprobación do cardeal Quiroga Palacios, o padre Seixas oficiou, o 25 de xullo, a primeira misa en lingua galega, ofrendada a Rosalía de Castro.
«E por que non?», contestaba o conselleiro de Cultura á pregunta retórica de por que unha Biblia en lingua galega. Primeiro, porque ten demanda. A terceira edición esgotouse hai máis de cinco anos e desta cuarta tiráronse uns 4.000 exemplares. «Se houbera que poñer unha etiqueta de calidade á nosa Biblia —explicaba Francisco Domínguez— eu diría dignidade imprescindible, tradución rigorosa e linguaxe próxima á fala do pobo, que a fai moi adecuada para o labor pastoral. Galicia e a Igrexa deben sentirse orgullosas dela».
Segundo, porque unha parte do galeguismo histórico tiña profunda pegada católica. E logo, porque a Biblia non apela só a unhas crenzas. Apela a unha identidade colectiva, a un xeito de ver o mundo. A unha cultura compartida entre moitos países. Lembraba Román Rodríguez que a Biblia trascende a fe e a relixión para ser non só «clave de bóveda da civilización occidental» e un compendio que «fixa valores e comportamentos fundamentais» desa mesma civilización. Se cadra, por iso Gutenberg a escolleu para ser o primeiro libro impreso da historia, reflexionaba o conselleiro.
«No fondo falamos dun libro profundamente humano». Nel están reflectidas a derrota, a redención, a misericordia, o xúbilo, o engano, a esperanza… E Galicia. Tamén Galicia ten o seu espazo nas Escrituras, en concreto no primeiro Libro dos Macabeos, no que se fala das campañas romanas neste territorio e da reacción de Xudas Macabeo a esta situación, que agora se pode ler en lingua galega adaptada á normativa actual.
Para reservas:
Editorial Galaxia: pedidos@editorialgalaxia.gal (P.V.P.: 35 euros)
Editorial SEPT: editorialsept@gmail.com (descuento del 25%, 3 euros de gastos de envío; para 3 ejemplares o más no se cobrar los gastos de envío; a partir de 50 ejemplares se hará un 30% de descuento).
Fonte: La Voz de Galicia – Pastoral de Santiago