Con motivo do inicio da Campaña da Renda 2023, a diocese de Mondoñedo-Ferrol e Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol únense para lanzar conxuntamente a campaña “Non custa nada axudar por dúas”, onde se convida á cidadanía para marcar a dobre “X” na súa declaración.
As dúas entidades informaron a través dunha rolda de prensa sobre a relevancia da asignación tributaria para o desenvolvemento das súas actividades. No acto interviñeron monseñor Fernando García Cadiñanos, bispo de Mondoñedo-Ferrol; Xoán Xosé Fernández Fernández, ecónomo diocesano e Marta Pazo Paniagua, secretaria xeral de Cáritas Mondoñedo-Ferrol.
Na súa intervención, García Cadiñanos remarcou que «cando marcas conxuntamente os recadrps de Igrexa católica e de fins sociais estás a achegar o 1,4% dos teus impostos ao sostemento da Igrexa e a apoiar proxectos de atención a persoas en situación de pobreza e exclusión». Quixo tamén subliñar que en Galicia un 36% de persoas non elixe o destino dos seus impostos e deixa en branco a súa asignación, desde aquí animamos a estas persoas para revisar a súa declaración e marcar estos recadros».
Pola súa banda, o ecónomo diocesano destacou que «os datos de Galicia en canto a porcentaxe da asignación tributaria en favor da Igrexa son dos máis baixos de España, cremos que en boa medida débese ao descoñecemento da cidadanía, por iso convocamos esta rolda de prensa coa finalidade de chegar a máis xente». Na súa opinión, «a asignación tributaria, esa posibilidade que nos dá a declaración da renda, é un exercicio de democracia fiscal, practicamente o único ámbito no que podemos decidir sobre o destino dunha parte dos nosos impostos». Polo que respecta á diocese, apuntou que unha parte moi importante do seu orzamento, en torno ao 65-70 %, recíbese a través desta asignación. «Moitas das tarefas que desempeña a diocese, por exemplo a conservación do patrimonio ou o labor social, non o poderiamos facer», destacou. Por último, destacou que «máis aló do compoñente estritamente relixioso, a Igrexa leva a cabo un labor en ben da sociedade, e por iso ese diñeiro da asignación tributaria ao final cremos que reverte, e que reverte sobradamente na sociedade, e por iso facemos este chamamento a marcar os dous recadros na declaración da renda«.
Para finalizar, a secretaria xeral de Cáritas, Marta Pazo, indicou que cada ano Cáritas opta ao «X» de fins sociais a través dunha subvención da Xunta de Galicia, da que provén un 20 % dos recursos da entidade, que se invisten nos distintos programas de acción social activos (familias desfavorecidas, reforzo socioeducativo, atención a colectivos de exclusión, persoas sen fogar, etnia xitana, acompañamento a maiores e atención a migrantes). Outra parte moi importante da acción de Cáritas pode desenvolverse grazas ao «X» da asignación tributaria da Igrexa católica. Concretamente, no ano 2022, o 24 % dos seus recursos da súa acción social proveu directamente da Igrexa.
É o momento de estar máis preto de máis persoas
Na túa declaración da renda marca os dous recadros da asignación solidaria, poderás axudar o dobre a quen máis o necesita.
Cando marcas conxuntamente os recadros de Igrexa católica e de fins aociais estás a achegar o 1,4% dos teus impostos ao sostemento da Igrexa e a apoiar proxectos de atención a persoas en situación de pobreza e exclusión. Lembra que se poden marcar ambos recadros e que non terás que pagar máis nin che devolverán menos.
Non custa nada axudar X dous
Sete preguntas básicas sobre a asignación tributaria a través do 1,4% do IRPF:
De verdade podo marcar os dous recadros á vez?
Si. Pódense marcar os dous recadros conxuntamente.
E é certo que marcando os dous recadros duplícase a axuda?
Si, cada recadro marcado xera o 0,7%. Se marcas os dous recadros destínase o 1,4%.
E a min cústame algo?
Non, non che custa nada. Ti decides o destino do 1,4% dos teus impostos.
E se non marco algún recadro?
Facenda destinará o importe correspondente a outras partidas dos orzamentos xerais do Estado.
Por que é bo marcar o recadro da Igrexa católica?
Porque así podes destinar unha porcentaxe dos teus impostos para colaborar coas necesidades da Igrexa.
Por que debo marcar tamén o recadro de fins sociais?
Porque deste xeito, unha porcentaxe dos teus impostos destínase a proxectos sociais en España e en países desfavorecidos.
Percibe Cáritas recursos das casas de Igrexa católica e de fins sociais?
Si. Cáritas é parte esencial da Igrexa católica e, ademais, como organización social recibe fondos do recadro de fins sociais.









Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















