Homilía do administrador diocesano na solemnidade de san Rosendo, patrono de Mondoñedo-Ferrol
Saúdo con afecto a todos cantos estamos a compartir esta celebración: aos membros do cabido catedralicio e sacerdotes concelebrantes, aos consagrados e a todos vós, irmáns e irmás, que viñestes nesta mañá honrar ao noso patrón san Rosendo.
Se miramos á historia no século X, a época na que vive o noso patrón é unha época convulsa, difícil, escura… tanto que en moitos ámbitos se lle coñece como Idade de Ferro. Pero, a nivel relixioso, é unha época apaixoante, novidosa, de buscar xeitos novos de anuncio do evanxeo, buscar xeitos novos de vivir en fraternidade baseándose nos principios e valores do evanxeo; de abrir novos vieiros para a transformación da realidade buscando camiños dunha maior xustiza e igualdade social. Rosendo expresa coa súa vida a acción de Deus no corazón de cada crente e a resposta dada en fe a unha vida apaixoada por Cristo, a Igrexa e os irmáns. A acollida en fe do Evanxeo lévao ao misterio de comunión na Igrexa, participación da vida mesma de Deus Pai, Fillo e Espírito que enche o seu ser e que o chama a seguilo. Esta é a santidade, vocación universal que Deus fai a toda persoa.
Que podemos aprender nós, cristiáns do século XXI, deste santo? Que nos pode decir hoxe Rosendo a esta Igrexa que camiña nas terras que el pastoreou con entrega, decisión, sacrificio e moita fe?
Somos unha Igrexa en camiño, que está a aprender cada día. Camiñar significa saír da nosa contorna, das nosas rutinas e inercias… Queremos descubrir a nosa conciencia misioneira, tendo “un corazón auténticamente aberto a unha comuñón universal, onde nada nin ninguén quede excluido desa fraternidade (LS 92)”.
Nesta peregrinaxe, Rosendo invítanos constantemente a volver o corazón ao Señor, a encontrarnos con el, deixándolle ao Mestre que vaia transformando as nosas vidas, e anunciando a todos, con novo ardor e impulso, buscando camiños novos, a alegría do evanxeo e do seguimento de Cristo, tamén hoxe.
Camiñamos xuntos, con moitos homes e mulleres, acompañados por Cristo, e pola testemuña de tantos irmáns e irmás que, como Rosendo, nos precederon na fe e alentan desde a comunión dos santos. San Rosendo recórdanos que esta comunión temos que vivila acollendo a cada persoa na súa propia realidade, tal como é, sen xulgar e vendo nela un irmán, unha irmá. Esta comunión ten que levarnos a un estilo novo de ser persoas, de ser sociedade, de sermos Igrexa. Esta comunión ten que traducirse en xestos pequenos e concretos: no amor a esta Igrexa particular tal e como é, e non como nos gustaría que fora; no amor a cada proxecto diocesano involucrándonos todos como algo propio; no amor a cada persoa, que nunca é un inimigo, si un irmán; nun amor que nos leve a compartir o que somos e o que temos, promovendo sempre a xustiza, a dignidade e a igualdade social.
Esta comunión ha de levarnos a camiñar todos na mesma dirección, sumando esforzos, non restando, a estilo do noso santo patrón.
Celebrar esta festa tennos que levar a soñar e vivir unha Igrexa que sexa signo cercano do Reino, sabendo que cada unha das dimensións que viviu san Rosendo, de xeito real e apaixoado, seguen a ser de plena actualidade na nosa realidade diocesana.
Aos cansos e desilusionados, a vida de persoas como Rosendo invita a voar, e voar ben alto; a mergullarse nas profundidades sen medo, confiando en aquel que nos chama a seguilo e a sermos santos, saíndo da nosa mediocridade e sendo don e esperanza para os homes e mulleres de hoxe. Aos que soñan e viven con ilusión, Rosendo empuxa a non cansarse e seguir adiante, medrando e ampliando horizontes sempre novos.
Pedimos, hoxe, a intercesión do noso patrono para sentir e construir unha comunidade signo do Reino, punto de referencia no servizo á verdade para todos os homes e mulleres de boa vontade; unha comunidade que acolle, sinte, e é cercana con todos, e dunha maneira especial cos máis febles e desfavorecidos, cos que sofren e os tristes…
Pedimos a súa intercesión, neste momento en que estamos facendo camiño sen pastor na diocese. Sabemos que o Señor é o auténtico Pastor, que el é quen nos marca o camiño e quen nos invita a seguilo. A el, o Bo Pastor, e encomendándonos a san Rosendo, pedímoslle que nos bendiga axiña cun pastor cun corazón bo e samaritano, que ula a ovella e que coñeza, ame e se entregue ao seu rabaño con paixón. Que esa paixón que pedimos para todos os diocesanos nos anime a comprometernos en facer Reino nestas terras mindonienses.







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















