Siendo rico se hizo pobre

A Igrexa conmemora o vindeiro domingo a Xornada Mundial dos Pobres. Trátase dunha iniciativa recente do papa Francisco que non se cansa de promover procesos que nos axuden a ser unha Igrexa “pobre e para os pobres”. Como el mesmo nos di na mensaxe que escribiu para a ocasión, e que vos convido a ler pola súa profundidade, esta xornada busca “axudarnos a reflexionar sobre o noso estilo de vida e sobre tantas pobrezas do momento presente”.

Durante esta semana fun visitando diferentes realidades que a Igrexa de Mondoñedo-Ferrol ten ao servizo dos máis pobres da nosa sociedade. Dou enormes grazas por iso! Permitíuseme descubrir e atoparme con diferentes pobrezas desde a certeza de que sacramentalmente era Xesús mesmo o que alí se agochaba. Puiden achegarme a Gonzalo, neno con discapacidade intelectual, que me ensinou, coa súa inocencia e alegría, todo o seu fogar en Mondoñedo. Saudei a Petra, anciá que perdera ao seu esposo, e que agora vive nunha das nosas residencias superando a soidade. Achegueime a Antonio, un xitano que as duras penas sabe ler, e que se lle fai imposible sacar o carné de conducir que necesita para a venda ambulante. Paroume Marisol, co seu fillo enfermo de sida, que tiña necesidade dunha vivenda para poder coidalo. Coñecín a María, que deixara o emprego porque o novo contrato voltouse precario nas condicións económicas. Telefonei a Paulo, que vive na rúa e a súa saúde debilítase por momentos. “Whasapeoume” Raimundo, inmigrante que vive só e afronta o futuro sen moitas esperanzas. Abracei a Demyan, refuxiado ucraíno que fuxiu da guerra…

Durante esta semana reafirmeime en que a amizade cos pobres nos axuda a rebaixarnos, a humanizarnos. A proximidade aos pobres contribúe a crear fraternidade, a sentirnos comunidade, a vivir con máis sensibilidade e dispoñibilidade. A proximidade aos pobres fai que nos preguntemos sobre o importante e fundamental na vida; permítenos quitar as nosas máscaras e afastarnos da superficialidade para provocarnos ao amor auténtico. A escoita dos pobres axúdanos a coñecer mellor a vida, a non xulgar, a comprender, a calar. A vida dos pobres cuestiónanos, interróganos, empúrranos a vivir na pobreza que libera, desde a certeza de que fronte aos pobres non se fai retórica, senón xestos de solidariedade. Dar a man aos pobres permítenos tocar a carne ferida da humanidade que chora, e nos ofrece razóns para elevar a voz contra as miserias do noso mundo, sempre froito da inxustiza, a explotación, a violencia e a desigualdade.

Durante esta semana vin o rostro de tantos irmáns nosos que sofren diferentes tipos de pobreza: material, económica, de relación, de sentido, de afecto…  E en todos eles lembreime de Xesús, “que sendo rico fíxose pobre” (2 Cor 8,9). Descubrín así o importante que é non esquecernos dos pobres. É o que nos permite desenvolver ese corazón que temos aberto á solidariedade e ao amor, e vivir o seguimento de Xesús con máis autenticidade. Convencinme na urxencia de que os pobres non poden ser só obxecto da nosa atención, senón que han de converterse en protagonistas que nos achegan moita vida e moito Evanxeo.

Por iso, fago miñas as palabras de san Carlos de Foucauld, apóstolo dos últimos: “Non desprecemos aos pobres, aos pequenos, aos traballadores; eles no só son os nosos irmáns en Deus, senón que son tamén aqueles que dun modo máis perfecto imitan a Xesús na súa vida exterior. Eles represéntannos perfectamente a Xesús, o Obreiro de Nazaret. Son os primoxénitos entre os elixidos, os primeiros chamados ao berce do Salvador. Foron a compañía habitual de Xesús, desde o seu nacemento ata a súa morte. Honrémolos, honremos neles as imaxes de Xesús e dos seus santos pais.

Tomemos para nós [a condición] que el tomou para si mesmo. Non deixemos nunca de ser pobres en todo, irmáns dos pobres, compañeiros dos pobres; sexamos os máis pobres dos pobres como Xesús e, como el, amemos aos pobres e rodeémonos deles».

O voso irmán e amigo.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas