- O encontro, promovido pola Delegación de Primeiro Anuncio de Santiago, reuniu participantes de toda España
- Obradoiros e testemuños abordaron a renovación parroquial tamén en contextos rurais e co apoio das novas tecnoloxías
Do 25 ao 28 de xuño, Santiago de Compostela acolleu unha nova edición de Transforma 2026, un encontro anual de ámbito estatal centrado na renovación da pastoral parroquial. A iniciativa, promovida pola Delegación de Primeiro Anuncio da Arquidiocese de Santiago, contou coa participación de axentes pastorais de toda España e coa implicación da nosa diocese a través da Vigairía para a Evanxelización.
Pola Diocese de Mondoñedo-Ferrol asistiron, de maneira parcial, dous sacerdotes, así como os seminaristas diocesanos, que participaron ao longo de todo o encontro. A súa presenza foi valorada como especialmente significativa nun contexto no que se busca fortalecer a formación e a visión pastoral das futuras xeracións de presbíteros.
Transforma enmárcase no impulso do grupo “Nunc Coepi”, liderado por Tote Barrera, coñecido por introducir en España o itinerario Alpha, entre outras iniciativas de primeiro anuncio. O encontro diríxese a sacerdotes e laicos comprometidos cunha renovación profunda da acción pastoral, que implica non só cambios organizativos, senón tamén unha nova mentalidade orientada á evanxelización.
Entre os referentes do encontro destaca o sacerdote canadense James Mallon, recoñecido polo proceso de transformación da súa parroquia cara a un modelo misioneiro, no que os laicos adquiren un papel activo a partir da súa vocación bautismal. A súa experiencia segue a inspirar múltiples procesos de renovación parroquial en distintos países.
O programa incluíu conferencias, momentos de oración e diversos obradoiros prácticos, nos que se abordaron cuestións como a aplicación da renovación pastoral en contextos rurais ou o uso de ferramentas dixitais, incluída a intelixencia artificial, ao servizo da misión evanxelizadora.
Experiencias diocesanas: “Un antes e un despois de Transforma”
O vigairo para a Evanxelización, Óscar Fernández, destacou que o encontro “permitiu abrir os ollos a unha realidade distinta á que estamos acostumados, ás veces pouco alentadora”, subliñando que existen experiencias que amosan que “unha Igrexa viva e en crecemento é posible”. Así mesmo, sinalou a importancia de dar pasos concretos, apoiados na oración e na acción do Espírito Santo, así como de crear equipos de fieis arredor dos sacerdotes que fagan medrar a comunidade. Tamén apuntou como reto a adaptación destas propostas á realidade galega e valorou positivamente a participación dos seminaristas como sinal de esperanza.
Pola súa banda, o vigairo para a Caridade, Suso Álvarez, cualificou o encontro como “unha marabilla e moi necesario”, lamentando non poder ter participado durante máis tempo.
Os testemuños dos seminaristas confirman esa lectura. No caso de Sebastián (ver VIDEO), o curso foi vivido como “un antes e un despois” na súa formación como cristián comprometido coa misión evanxelizadora, destacando a importancia do liderado católico, do primeiro anuncio, da renovación parroquial e dunha Igrexa sinodal na que todos os bautizados asuman a responsabilidade de anunciar a Cristo. Tamén sinala a forza espiritual da oración e da docilidade ao Espírito Santo como base de toda acción pastoral.
Pola súa banda, Ismael Vázquez describe Transforma como unha experiencia enriquecedora e diferente, que lle permitiu abrirse a unha renovación necesaria na Igrexa e afondar en cuestións como a vida parroquial no ámbito urbano e rural, o discipulado, o catecumenado e as novas formas de evanxelización. No seu testemuño salienta ademais a necesidade de pasar do “sentimento á experiencia” e de apostar por comunidades vivas, acolledoras e capaces de responder aos desafíos actuais.
Transforma 2026 consolidouse así como un espazo de encontro, formación e impulso para unha pastoral máis misioneira, especialmente significativa para as dioceses galegas, chamadas a discernir e aplicar estes camiños na súa propia realidade.









Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















