- Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol con motivo da Xornada Mundial dos Pobres 2025
A IX Xornada Mundial dos Pobres, que se celebra este domingo, vén marcada por dous acontecementos que, se cabe, fana máis necesaria, énchena de sentido e permítena comprender no significado profético co que a instituíu o papa Francisco.
En primeiro lugar, a presentación hai uns días do Informe FOESSA de Cáritas Española, do que teremos moitas ocasións de falar. A este informe seguirá outro referido á nosa realidade concreta de Galicia, que tamén nos axudará moito. No devandito estudo, o máis prestixioso que se realiza en España, alértasenos de que a exclusión social está a agrandarse. O estado de benestar, no que tanto confiamos, lonxe de solucionar a fenda que separa a ricos e pobres, non consegue superala. Instalouse o que no informe denomínase “a sociedade do medo”, porque calquera factor sobrevindo e non esperado fai caer a moitas persoas e familias na exclusión social e a pobreza.
A clase media, que foi tan importante no noso país como factor de integración social, está a contraerse e a fractura social está a agrandarse seriamente. A realidade da vivenda está a converterse no epicentro da desigualdade, sendo quizais o problema social máis importante que temos que afrontar como país, en lugar da migración como se nos vende ideoloxicamente. No estudo fálase de amontoamento e de especulación inmobiliaria que dificulta a vida de tantas persoas. Tampouco o emprego, tan precario en tantas ocasións, está a servir para a necesaria integración.
Algúns colectivos sofren especialmente esta situación como as mulleres, os migrantes, as persoas que sofren situacións de enfermidade mental, a mocidade…
Xunto a este informe que vos convido a que coñezades, o papa León regalounos hai unhas semanas o seu primeiro documento maxisterial: Dilexi te (Ameite). Trátase dunha exhortación na que, seguindo o maxisterio do seu antecesor, convídanos a descubrir a importancia da caridade e a atención aos pobres como elemento central da nosa fe e da nosa vivencia cristiá.
Neste documento provócase a percibir a unidade que existe entre o amor a Cristo e a chamada para achegarnos aos pobres. A nosa relixión non é unha relixión descarnada que nos afaste da realidade, senón que, ao contrario, achéganos ás chagas e sufrimentos dos máis pobres que se converten en sacramento e signo do mesmo Cristo. A Sagrada Escritura e a historia da Igrexa son un exemplo vivo e unha constante chamada a vivir esta proximidade cara aos pobres, porque eles nos revelan o rostro mesmo de Deus.
Por isto, este ano ten máis sentido, se cabe, a celebración desta Xornada Mundial dos Pobres que, como sabedes, non trata de ser unha reflexión sobre as causas da pobreza, nin unha alegación en favor dos pobres. O que pretende é que, como cristiáns, e eu diría tamén, como humanos, nos acheguemos aos pobres, entendidos estes non unicamente no seu sentido económico, senón na multiplicidade de rostros que hoxe ten a pobreza: enfermidade, soidade, violencia, racismo, falta de dereitos, marxinación…Un achegamento que produce e procrea sempre esperanza.
Nunha sociedade do encontro e do coidado, á que nos chama o Informe FOESSA dialogar cun pobre, perder o tempo cunha persoa soa, acompañar a un ancián, visitar unha residencia ou un enfermo, acoller a un emigrante, dar os bos días e atoparse cunha persoa sen fogar, corrixir un mal comentario sobre un preso… fainos crecer como persoas e discípulos de Xesús. O papa León lémbranos que “os pobres non son unha distracción para a Igrexa, senón os irmáns e irmás máis amados. A Xornada Mundial dos Pobres quere lembrar ás nosas comunidades que os pobres están no centro de toda a acción pastoral, non só da súa dimensión caritativa, senón tamén do que a Igrexa celebra e anuncia”.
Oxalá que este Ano Xubilar axude a desenvolver políticas que combatan as antigas e as novas formas de pobreza e que fomente iniciativas de apoio e encontro cos pobres da nosa sociedade para que nos fagan máis humanos e máis cristiáns.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















