Hai uns días celebraba a eucaristía dominical nunha das parroquias da nosa diocese. Chamoume a atención a pluralidade de razas que se manifestaba nos rostros das persoas que alí nos atopabamos: máis do 40% correspondían a persoas vindas doutras latitudes. Africanos, ucraínos, suramericanos, asiáticos… mesturábanse na asemblea cos nativos destas terras. Pareceume unha imaxe preciosa e rechamante. Nosa Igrexa, do mesmo xeito que en Pentecoste, convertíase tamén nunha comunidade diversa, plural, intercultural. A casa de todos, onde ninguén se sente estranxeiro.
A inmigración deu un novo rostro á nosa Igrexa e á nosa sociedade española. As persoas inmigrantes convértense así en condición do noso propio futuro: porque o futuro da Igrexa é cos inmigrantes ou non existirá. Por iso, estamos chamados a recibilos con alegría e con espírito de auténtica hospitalidade. Achégannos tanto, rexuvenécennos, énchennos de espiritualidade e de experiencia profunda cristiá… Grazas!
Celebramos precisamente este domingo a Xornada dos Migrantes e Refuxiados cun lema moi interpelante: “Libres para elixir se migrar ou quedar”. O seu enunciado permítenos reflexionar sobre as causas profundas que producen o fenómeno migratorio do que tanto sabemos na nosa Galicia. Certamente podemos imaxinar que a casuística que a condiciona é complexa e diversa. Pero, sen dúbida, como nos lembra o papa Francisco na súa mensaxe con tal motivo, “as causas máis visibles das migracións forzadas contemporáneas atópanse nas persecucións, as guerras, os fenómenos atmosféricos e a miseria. Os migrantes escapan debido á pobreza, ao medo, á desesperación”.
E cando unha persoa ou unha familia viven nesa situación, é libre para migrar ou quedar? Pode elixir libremente cando a súa dignidade como persoa e o seu propio futuro vital están comprometidos? E cando non se é libre, non se converte máis en vítima que en verdugo? Por que entón criminalizar, deixarnos levar polas emocións nestes temas, culpabilizar de males, obstaculizar, facer muros que acabarán por esborrallar?
A xornada deste ano móvenos á construción dun mundo máis equitativo, mirando máis aló das nosas fronteiras. Con palabras do papa Francisco, “para que a migración sexa unha decisión realmente libre é necesario esforzarse por garantir a todos unha participación equitativa no ben común, o respecto dos dereitos fundamentais e o acceso ao desenvolvemento humano integral. Só así se poderá ofrecer a cada un a posibilidade de vivir dignamente e realizarse persoalmente e como familia”. Se isto é así, teremos que expornos seriamente que non se rebaixe, senón que se incremente, a axuda internacional ao desenvolvemento; que nos concienciemos e traballemos por unhas relacións comerciais máis xustas; que reivindiquemos e votemos para que avancemos en relacións internacionais máis equitativas superando o colonialismo comercial, as débedas impagables, o sostemento de réximes corruptos…
E da mesma maneira, “mentres traballamos para que toda migración poida ser froito dunha decisión libre, estamos chamados a ter o máximo respecto pola dignidade de cada migrante; e isto significa acompañar e gobernar os fluxos do mellor modo posible, construíndo pontes e non muros, ampliando as canles para unha migración segura e regular”.
A nosa diocese tamén está comprometida seriamente neste soño. Alégrame que, a través de Cáritas e da delegación de Migracións, formemos parte dos “Corredores de Hospitalidade” e da “Mesa do Mundo Rural” promovidas pola Igrexa española. Con estas iniciativas participativas acollimos a algunhas familias inmigrantes-refuxiadas entre nós, conxugando na comunidade cristiá os catro verbos que converten a emigración nun valor: acoller, acompañar, promover e integrar. Grazas aos que o fixestes posible porque, deste xeito, estamos a ser luz e fermento dunha nova humanidade máis fraterna.
O voso irmán e amigo.
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















