Hoxe é Mércores de Cinza. Nunha sociedade de signos, onde estes son tan importantes, a comunidade cristiá comeza cun xesto que é, á vez, persoal e comunitario. Sobre as nosas cabezas derramamos un pouco de cinza como un signo externo que nos visibiliza simultaneamente nun desexo e sentimento interior: somos fráxiles e pecadores, necesitamos a conversión, é fermoso saborear de novo a misericordia restauradora de Deus. O xesto da cinza expresa todas estas claves, acollendo así o costume ancestral de tantas tradicións relixiosas que se botaban cinza como signo penitencial.
Os cristiáns comezamos con este xesto un camiño que nos conduce á Pascua. Tras o entroido, que encheu de actividades as nosas rúas e prazas, o xesto da cinza convídanos a meternos na difícil interioridade e poñernos ante o espello da pregunta sobre quen son. Recoñecemos que é máis sinxela a extroversión que a aventura de crecer interiormente, aínda que o necesitamos como a choiva. Vivimos nunha sociedade que dificulta crecer interiormente e, consecuentemente, abócanos a sentirnos ocos, baleiros, deshabitados.
Nese percorrido coresmal que conclúe na Pascua convídasenos fundamentalmente a mirarnos cara a dentro cunha nova luz: e, desta maneira, descubrímonos amados, chamados, habitados, convidados á vida en plenitude, enviados. Percibirse así transforma a vida, a chea de sentido e de esperanza, descóbrea plena e gozosa. Así sente o corazón do cristián cando percorreu este longo camiñar e ábrese a gozar coa aurora do domingo da Pascua.
O signo da cinza vai acompañado tradicionalmente dalgunhas prácticas que o reforzan e o enchen de sentido. A oración axúdanos a que a nosa interioridade non se converta nun ensimesmamento pietista que nos narcotice, senón que se converte nun diálogo e encontro co outro que nos coñece, nos acompaña, nos guía e nos desborda. O xaxún convídanos a renunciar ao superfluo e ao que nos degrada, para ser e percorrer os camiños da auténtica liberdade que nos plenifica. A esmola ábrenos aos necesitados, espertando a nosa mirada con aqueles con quen diariamente compartimos a nosa existencia, repartindo os nosos bens e a nosa vida na construción dun mundo máis fraterno e humano.
Son estas prácticas tradicionais, máis modernas do que habitualmente pensamos, as que nos permiten avivar a nosa esperanza e xerar camiños de auténtica esperanza. Esa esperanza que tanto necesitamos e que se enraíza no fin do noso camiño coresmal: a festa da Pascua. Porque, como nos lembra o papa Francisco: «A esperanza cristiá consiste precisamente nisto: ante a morte, onde parece que todo acaba, recíbese a certeza de que, grazas a Cristo, á súa graza, que nos foi comunicada no bautismo, a vida non remata, senón que se transforma para sempre».
A cinza é unha chamada á conversión. Nese sentido, o Papa, na súa mensaxe para a Coresma deste ano, convídanos a descubrir algunhas chamadas que nos farán moi ben. A primeira, a sentirnos peregrinos, camiñantes: é importante non deternos, facer un proceso de liberación e de camiño cara á liberdade e a misericordia. Ás veces detémonos na nosa zona de confort e non nos aventuramos a saír en busca de novos proxectos persoais e comunitarios de encontro con Cristo e de evanxelización.
A segunda, a reflexionar sobre a nosa capacidade de acollida, de traballo conxunto e comunitario, de sinodalidade. Nunha sociedade individualista, a Coresma é tempo para redescubrir a importancia de acoller a todos, de coidar a comunidade e camiñar xuntos en Igrexa. Por último, a de edificar un mundo desde a esperanza: isto é, desde a confianza en Deus e na súa gran promesa, a vida eterna, que impulsa nun decidido compromiso pola xustiza, a fraternidade e o coidado da casa común.
Un bo camiño para percorrer e facelo xuntos. Este é o meu desexo.
O teu irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol









Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















