Guitiriz reuníu á diocese nun acto de fe e reparación ante a profanación do sagrario

  • O bispo de Mondoñedo-Ferrol presidiu a eucaristía na igrexa de Santa María, coa participación de fieis chegados de diferentes puntos da diocese e de grupos da Adoración Nocturna

A igrexa nova de Santa María de Guitiriz acolleu este martes, 29 de setembro, coincidindo coa festa dos santos arcanxos Miguel, Gabriel e Rafael, unha misa de reparación tras a profanación do sagrario do templo, centro da UPA de Guitiriz e Begonte.

A celebración estivo presidida polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos, e contou coa concelebración dos párrocos da unidade pastoral, Óscar Fernández e Darío Trujillo. Tamén estiveron presentes outros sacerdotes, entre eles Ángel Vigo e José Bello.

Malia as adversas condicións meteorolóxicas, a igrexa reuniu un importante número de fieis procedentes das diferentes parroquias da UPA Guitiriz e Begonte, así como persoas chegadas de Lugo e Ferrol. A celebración tivo carácter diocesano e constituíu unha expresión compartida de fe, amor á eucaristía e comunión eclesial.

Foi especialmente significativa a presenza dos grupos da Adoración Nocturna de Mondoñedo, Ferrol, Ribadeo e Lugo. Os seus membros participaron na celebración acompañados dos estandartes das respectivas seccións, que foron izados no momento da consagración. Tamén asistiu un numeroso grupo de mozos e mozas, xunto con acólitos e fieis das comunidades parroquiais.

Na súa homilía, o bispo animou os presentes a redescubrir a eucaristía como centro da vida da Igrexa e como fonte de comuñón co Señor e entre os membros da comunidade cristiá. García Cadiñanos convidou, de maneira especial, a vivir con profundidade o «Amén» pronunciado ao recibir o Corpo de Cristo, entendéndoo como unha adhesión persoal á fe e un compromiso coa fraternidade.

Tras a eucaristía, que foi retransmitida a través da páxina de Facebook do Santuario dos Milagres de Saavedra, celebrouse un tempo de adoración ao Santísimo Sacramento. O acto concluíu co canto da Salve solemne.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas