Coa festa da Santísima Trindade que se celebra litúrxicamente este domingo, a nosa Igrexa quere lembrar o don da vida contemplativa. Na nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol temos catro conventos de clausura: en Ferrol, en Mondoñedo, en Viveiro e en Ribadeo. Son presenzas pequenas e ameazadas polo envellecemento, pero significan un auténtico agasallo que necesitamos. Como a saúde, só cando se pechan pola falta de renovación vocacional é cando descubrimos o que representan e o que axudan coa súa soa presenza.
En efecto, a maioría destes conventos permaneceron longos séculos entre nós. Pertencen á nosa xeografía urbana, aos nosos recordos, ás nosas tradicións. Vinculáronse coa nosa cultura e os nosos costumes. Podemos dicir que se mantiveron constantes ao longo do tempo acompañando os avatares e as esperanzas de multitude de xeracións. Nos seus tornos escoitáronse peticións, anhelos, noticias, sufrimentos. Nos seus coros as irmás oraron por e co pobo. As súas paredes son testemuñas de vidas entregadas no silencio á contemplación, ao encomio, á escoita do Espírito. No medio da fraxilidade e sinxeleza, a santidade das súas vidas brillou con luz propia.
E é que a súa presenza nos enriquece; pola contra, a súa ausencia empobrécenos como sociedade e como Igrexa. Estou convencido de que se converten nun don necesario neste tempo porque nos axudan a descubrir ou desvelar dimensións ou realidades negadas aos nosos ollos e que son urxentes acoller. Cales?
En primeiro lugar, son un signo de Deus mesmo e da súa existencia. Hai unha pasaxe do evanxeo onde Felipe pídelle a Xesús: “Móstranos ao Pai”. En certa maneira faise eco dun clamor da humanidade que necesita desvelar a Deus. O intanxible, o totalmente outro, require ser mostrado no noso mundo ao que se lle fai difícil recoñecelo, descubrilo, coñecelo. Ante esta necesidade da nosa sociedade fortemente secularizada, sen dúbida que a vida contemplativa axúdanos a facer tanxible a Deus mesmo. Os seus mosteiros, os seus campanarios, os seus cantos, a súa vida comunitaria, a súa liturxia, a súa acollida son espazos que gritan e vocean a existencia e a presenza de Deus, achégannos a Deus mesmo, fálannos de Deus. E con Deus, non o esquezamos, todo adquire sentido.
Ademais, a vida contemplativa só se explica adecuadamente na esperanza da vida eterna. Unha vida eterna que é a que dá sentido a esta, e que acouga a sede de infinito que todos acollemos. San Pablo xa nos advertía de que se “puxemos a nosa esperanza en Cristo só nesta vida, somos os máis desgraciados de toda a humanidade”. En efecto, o cristián sábese sempre peregrino, cidadán do ceo, a súa auténtica casa, camiñante e construtor deste mundo desde a perspectiva da eternidade. Pois ben, a vida contemplativa é especialmente un testemuño desta fe e desta esperanza nesta vida eterna: porque só se pode razoablemente renunciar aos bens deste mundo pola esperanza nos bens definitivos; só se pode renunciar ao amor humano por un amor universal e eterno; só se pode renunciar a un proxecto propio por abrirse a un amor universal. Cando todo o construimos de tellas para abaixo e as esperanzas son tanxibles, os mosteiros de clausura axúdannos a agrandar a mirada e a porta do noso corazón.
Por iso, os mosteiros son tamén espazos que xeran esperanza. Vivimos tempos complexos, onde hai tantas frustracións porque o corazón, que ten sede de infinito e de cousas grandes, non se sacia na limitación e propostas empequenecedoras do noso mundo. Quizais por iso necesitamos de lugares e de persoas que, como a vida contemplativa, cren e dean lugar á esperanza: a que, como di o papa Francisco, “ábrenos a novos ideais que fan a vida máis bela e digna”.
Acheguémonos, por iso, aos mosteiros que salpican e enriquecen a nosa diocese: anímovos a descubrir a vida que alí xermola, a acoller a graza e a esperanza que neles se irradian.
O voso irmán e amigo.
+ Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol
Imaxe: Revista Vida Nueva







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















