· Mensaxe do bispo diocesano co gallo da Xornada Mundial pola Vida 2025
A vida é un ben intanxible pero moi valioso que sabemos constatar, recoñecer e agradecer. Dicimos “isto non é vida” cando hai circunstancias que nos impiden vivir coa dignidade que merecemos. Afirmamos que “esta persoa ten moita vida” cando nos atopamos con alguén que ten moita enerxía e suscita esperanza e ganas de vivir coas súas palabras e cos seus xestos. Diferenciamos un “pobo no que hai moita vida” doutro que non a ten, porque ofrece servizos, aglutina aos seus habitantes, existe un bo clima comunitario e o seu ambiente é humanizador e cheo de calor. Exclamamos que “este traballo dáme a vida” cando nel atopamos ilusión e non só un soldo para vivir, senón sentido á existencia, compañeiros que me axudan, motivos para seguir vivindo. Agradecemos que “nesta parroquia hai vida” cando nos sentimos acollidos, as súas celebracións nos axudan, hai sentido comunitario e misioneiro…
En definitiva, percibimos que a vida é unha realidade biolóxica (imprescindible), pero non unicamente. É moito máis: é o resultado da interacción dunha cultura, dun sistema económico e político, dun ambiente… e, para os cristiáns, é tamén un don e unha tarefa, un agasallo de Dios e dos nosos irmáns os homes e un compromiso por coidala, multiplicala, procreala.
Celebramos hoxe o 25 de marzo. Dentro de nove meses é Nadal. A Igrexa celebra hoxe, pois, a Encarnación de Xesús, aquel que é a vida e que se fai vida, aquel que resucitado segue dando vida ao noso ao redor, na existencia de tantas persoas que o atopan e lles cambia o corazón, enchéndoas de esperanza e de motivos para seguir camiñando.
Precisamente, tal día como hoxe hai 30 anos, o papa San Xoán Paulo II publicaba unha encíclica que levaba por título “O Evanxeo da vida”. Trátase dun documento para reler porque, lonxe de estar trasnoitado e descontextualizado, convértese nunha potente luz para o noso mundo se quere sucar os camiños da defensa da vida cuxo valor intrínseco parece esquecerse.
En efecto, hoxe segue alargándose esa “cultura da morte” que el denunciou. Ademais do aborto, a eutanasia e a manipulación xenética co trashumanismo, a carreira armamentística que se abre lévanos a máis violencia e guerra, á destrución. Nunca a paz preparouse coas armas. A guerra non é senón o cume desa espiral de violencia que hoxe nos envolve e da que é preciso saír se queremos vivir con máis esperanza: violencia contra as mulleres, trata de persoas, mortes por fame, cemiterios no Mediterráneo e o Atlántico, xenofobia e aporofobia, cultura do descarte fronte a anciáns e persoas migrantes e refuxiadas, descoido da casa común na que vivimos… Tantos rostros presentes e situacións nun mundo que non respecta a dignidade sacra de cada vida e as condicións para unha vida digna!
Xoán Paulo II convidounos a abrazar a vida como se abraza a un neno pequeno: como algo fráxil, tenro, que se pode romper e perder. A vida é quebradiza, por iso ten que ser arroupada, acompañada e fortalecida. Cada xesto, palabra, compromiso, actitude… suma e conta. Estamos chamados a promover unha cultura da vida que procree, apoie, resucite, anime… Que fago eu pola vida? Implícome por defender e loitar en defensa da vida? Comprométome porque haxa máis vida persoal, social, eclesial, ambiental ao meu redor? Como a abrazo e como a procreo?
Desde a nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol queremos ser unha comunidade viva que se comprometa pola vida desde a esperanza. Por iso, convócovos a participar nos actos programados con esta xornada: a celebración da eucaristía e o círculo de silencio que se converta nun xesto silencioso pero visible de camiñar xunto a outros por un mundo mellor. E máis aló destes actos, anímovos a buscar formas concretas de defender a vida no voso día a día: estendendo unha man aos necesitados, coidando da nosa casa común, promovendo a paz e a xustiza, apoiando as iniciativas a favor da vida… Xuntos podemos construír unha civilización da vida e do amor.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
[Fotografía de portada: H. Lopes]