Din que, nestes tempos de horas baixas, a acción social da Igrexa e dos misioneiros son os que máis cotas de popularidade contan con respecto ao quefacer total da Igrexa. Sen dúbida, estes dous ámbitos da acción eclesial son admirados e valorados por propios e alleos. O día do DOMUND, que celebramos este domingo, é precisamente unha boa ocasión para agradecer e reflexionar xuntos sobre a vida e a obra dos nosos misioneiros.
Hai uns días, na prensa local, aparecía unha entrevista moi interesante con Miguel Garaizabal. É un dos doce misioneiros cos que conta a nosa Igrexa diocesana de Mondoñedo-Ferrol. A súa vida desenvolveuse practicamente en Tailandia, onde leva case sesenta anos. El, como todos os demais, vive o seu día a día no medio da xente. Abandonou no seu momento a súa casa e o seu ambiente por unha chamada a algo diferente. Non se trataba de buscar aventuras, nin de ter experiencias diferentes, nin de viaxar por un consumo efémero de cousas novas… O que quería, no fondo, era compartir cos demais a paixón e o fogo interior que ardía no seu corazón e que daba sentido á súa vida. Ese horizonte de existencia que posuía a forza suficiente para renovar e transformar o mundo.
Desde o meu punto de vista isto é o máis xenuíno e admirable que fan os misioneiros: ir ao mundo enteiro, saír dos seus espazos de seguridade, para compartir con gozo a experiencia interior que supón vivir unha amizade profunda con Xesús. O que lles fai admirables é a súa paixón por comunicar o que levan dentro, por edificar unha vida desde ese horizonte de esperanza e de sentido. O que lles fai atractivos é que a súa experiencia de felicidade e salvación ofrécena a todos como proposta de plenitude de vida para que todos se sentan tamén convocados polo único e auténtico protagonista.
Ese é o significado do lema que leva este ano o DOMUND: “Ide e convidade a todos ao banquete”. É urxente ir e saír, pero é necesario tamén facer a proposta de vida boa. Porque a vida cristiá, que é a proposta que levan os misioneiros, é a experiencia de participar nun banquete de vodas onde Deus quere facer Alianza de amor con cada un de nós.
As misións hoxe xa non están só fóra das nosas fronteiras. A realidade que vivimos fai que nos situemos tamén en país de misión. Non é necesario saír fóra para evanxelizar. Vivimos tempos de misión, ou mellor, a misión é sempre permanente e o quefacer da nosa Igrexa. A nosa sociedade non é cristiá, aínda que haxa elementos que culturalmente nos falen de aspectos e elementos cristiáns. Por iso, hoxe falamos da urxencia do “primeiro anuncio” como un momento que provoque un proceso de coñecemento e procura.
Os nosos misioneiros axúdannos e provócannos nesta situación que vivimos. Eles saíron. Tamén convidaron a algo grande. E compartiron a experiencia fundante das súas vidas. E fixérono desde un horizonte comunitario e eclesial. Quizais estas claves sexan as que podamos admirar e imitar deles neste día do DOMUND como ensino e compromiso.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















