«Al ver la estrella, se llenaron de inmensa alegría»: así será o Ano Santo Compostelán 2027

  • Santiago inicia a conta atrás cara ao Xacobeo con novidades litúrxicas e unha imaxe centrada na estrela que guía o camiño

A Archidiocese de Santiago presentou este xoves 24 de setembro, no mosteiro de San Martiño Pinario, o Ano Santo Compostelán 2027, nun acto presidido polo arcebispo, monseñor Francisco José Prieto Fernández, ao que asistiron representantes da Igrexa, das institucións e de diversos ámbitos da sociedade galega.

O lema escollido para o Xacobeo 2027 é «Al ver la estrella, se llenaron de inmensa alegría» (Mt 2,10), unha frase do Evanxeo de Mateo que evoca a alegría dos Magos ao atopar a sinal que os guiaba ata Belén e que a arquidiocese quere trasladar á experiencia da peregrinación e da chegada a Compostela.

Na súa intervención, o arcebispo situou a estrela no centro da mensaxe do Ano Santo, como símbolo que orienta o camiño e sinala a meta, e expresou o desexo de que este xubileu sexa «unha chamada ao corazón da humanidade», no que «renaza a esperanza e redescubramos a alegría». Prieto subliñou que a estrela non elimina as dificultades da viaxe, pero permite recoñecer que a busca ten sentido e que se camiña cara a unha meta, nun contexto no que a sociedade, aínda con máis tecnología e posibilidades, convive coa soidade, a polarización e a fragilidade dos vínculos.

Xunto co lema, presentáronse a imaxe, o cartel e o himno oficial do Ano Santo 2027. A nova identidade gráfica xira en torno a unha estrela de sete puntas, o número 27 e a denominación «Ano Santo Compostelán», e incorpora referencias ás marcas dos canteiros na pedra da catedral e a unha cartelería con tres pares de mans alzadas que, ademais de evocar unha postura orante, lembran as formas da fachada do Obradoiro. O himno oficial titúlase «Un campo lleno de estrellas» e está inspirado na imaxe e no lema do xubileu; tamén se está a traballar noutra composición, «Somos estrelas no camiño», para facilitar a participación popular.

Entre as novidades organizativas, confirmouse que a Porta Santa se abrirá o 31 de decembro de 2026 en torno ás 12:00 horas, en lugar do horario habitual das 17:00, e que a catedral recuperará para a ocasión o antigo toque do corno que anunciaba o inicio dos xubileus.

GALERÍA DE IMAXES

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas