Ao finalizar practicamente a visita pastoral ao arciprestado de Ferrol, quero compartir convosco algunhas sensacións que recibín estes meses:
· Constatar e agradecer a enorme cantidade de persoas sinxelas que realizan un compromiso en cada unha das súas comunidades parroquiais en servizos múltiples: catequistas, axentes de Cáritas, liturxia, confrarías, grupos de formación… GRAZAS E MOITO ÁNIMO.
· Constatar e agradecer o enorme esforzo que fan os nosos sacerdotes no acompañamento das parroquias e unidades pastorais que se lles confiaron. Na súa debilidade son fráxiles instrumentos dunha graza que nos vén dada… GRAZAS E SIGAMOS ENTREGÁNDONOS.
· Constatar e agradecer o enorme legado que herdamos: a nosa Igrexa fixo historia, cultura, tradición… Acompañou ao noso pobo nas súas luces e sombras, nas súas fraxilidades e esperanzas. RECOÑEZÁMONOS FILLOS DUNHA HISTORIA DE SALVACIÓN.
· Constatar e agradecer a experiencia de fe de cada un dos axentes de evanxelización cos que nos atopamos. Cada un ten a súa propia historia de encontro de fe con Xesucristo, cada un é unha obra de arte do camiño que o Señor vai facendo en nós. NON NOS DEIXEMOS ROUBAR A EXPERIENCIA DE XESÚS E PROFUNDEMOS NELA.
· Constatar e agradecer o espírito misioneiro que segue inflamando á nosa Igrexa: dóenos que non sexamos máis, dóenos que non saibamos transmitir a fe ás novas xeracións, dóenos que as familias non se fagan presentes, dóenos a ausencia de mozas e mozos. A dor é o fundamento do valor que damos á fe. NON PERDAMOS O ESPÍRITO MISIONEIRO DE SAÍR E COMPARTIR A FE. NON NOS DEIXEMOS ROUBAR O ENTUSIASMO MISIONEIRO!
· Constatar e agradecer a presenza dun núcleo de comunidade en todas e cada unha das parroquias e as unidades pastorais. Ese núcleo de comunidade é o que dá vida á parroquia e sostén a presenza da fe nos territorios cada vez máis descristianizados nos que nos atopamos. Sigamos coidando a comunidade, sobre todo no domingo, o día do Señor. Esforcémonos por dedicar espazos para a comunidade, para a súa formación, para a súa acollida, para o seu coidado… Esmerémonos na celebración dominical ben celebrada, cantada, participada, con espírito de acollida… NON NOS CANSEMOS DE COIDAR A COMUNIDADE NIN O DÍA DO SEÑOR!
· Constatar e agradecer a presenza de cristiáns na vida pública e na humanización dos nosos barrios, asociacións, organizacións, empresas, mundo deportivo, cultural, asociacións do terceiro sector…. Canto traballo e esforzo para humanizar o noso mundo e para que todos esteamos incluídos! As nosas comunidades cristiás están chamadas a apoiar, alentar, enriquecer desde os seus valores estas causas xustas que se dan na nosa cidade. Non podemos vivir á marxe do que acontece ao noso redor. NON ESQUEZAMOS QUE TEMOS QUE SAÍR MÁIS… E SER PONTES NUN MUNDO DIVIDIDO!
· Constatar e agradecer que o Espírito vai guiando esta Igrexa, pequena, fráxil, con moitas carencias… pero coa esperanza de querer ser fiel. Preséntanse ante nós algúns retos. Preséntovos os cinco que me parecen máis importantes: o reto da formación de axentes é urxente, especialmente de adultos en clave catecumenal que derive no descubrimento dos ministerios na Igrexa como forma de corresponsabilidade; o traballo nas UPA e arciprestados, especialmente para abordar sectores da poboación que nos resultan máis complexos e aos que non chegamos (mozas e mozos, matrimonios e familias, mundo social, primeiro anuncio…); o coidado da acollida a todos, especialmente cos que nos veñen de fóra; a reflexión sobre a iniciación cristiá para que axude a ter un encontro persoal co Señor; o coidado da espiritualidade que nos axude a ver o noso mundo e situarnos nel… Entre todos teremos que reflexionar como afrontalos. NON ESTAMOS SÓS, O ESPÍRITO VAI LEVANDO E ALENTANDO!
· Constatar e agradecer o agarimo do Pobo de Dios ao seu pastor como o que vén en nome do Señor. Síntome moi agradecido por esta experiencia de encontro, de pastoreo, de animación da comunidade cristiá. SIGAMOS TODOS TRABALLANDO SINODALMENTE!
Elevemos nosa acción de grazas ao Pai, no Fillo polo Espírito pola oportunidade que vivimos ao longo deste curso. Que a todos nos axudara a vivir con máis intensidade a nosa fe e o noso discipulado misioneiro.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol