Ao fío da lectura do Directorio do Arciprestado e do Arcipreste.
Para un bo funcionamento do arciprestado ten que haber unha MÍSTICA, unha ESTRUTURA, un BO DIRECTOR e unha METODOLOXÍA.
Unha mística
Non faremos nada se non estamos convencidos do que nos traemos entre mans. As mellores estruturas quedan baleiras e ocas se non teñen vida e non existe vontade de que exista vida. Por iso, nesa mística (ou espiritualidade, ou actitudes…), sinalaría algunhas das que debemos estar convencidos:
1.- A SINODALIDADE: Non é só unha palabra, é un estilo e unha forma de ser Igrexa. Superar o clericalismo e o individualismo para camiñar xuntos. Habemos de construír unha Igrexa en comuñón formada por outros presbíteros, a vida consagrada e os laicos. O arciprestado non é só un espazo de clérigos, é unha plataforma de encontro, de reunión, de comuñón de todos, de teoloxía do encontro.
2.- A FRATERNIDADE SACERDOTAL: Aínda que non é só de sacerdotes, si é certo que tamén é de sacerdotes. É un lugar onde facer realidade a fraternidade sacerdotal: para compartir, preocuparnos uns doutros, axudarnos, ilusionarnos xuntos… No arciprestado dáse unha complementariedade preciosa que habemos de aproveitar: de liñas de pastoral, de espiritualidades diversas, de idade e de procedencia, de sensibilidades… Aproveitémolo, non caiamos nas guerras inútiles, nas frustracións! En tempos de deserto é un lugar para coidarnos os uns dos outros, para axudarnos: necesitámolo desde o punto de vista persoal, espiritual, social… É un testemuño de vida o que damos. Tamén é bo que aquí podamos cubrir saídas, momentos de vacación…
3.- A MISIÓN: O arciprestado non é un lugar de diálogos unicamente, de debates ou de suspiros-queixumes. É unha plataforma que nos debe axudar a evanxelizar mellor, a pensar xuntos formas e maneiras de saír, de anunciar, de estar presentes, de unir forzas e persoas, de soñar… Xuntos temos que coñecer a realidade que vivimos, amala e asumila. E sentirnos enviados a ela con todos os nosos axentes, como Igrexa, co protagonismo dos laicos. Nese sentido, habemos de ser operativos, audaces…
4.- A CREATIVIDADE PASTORAL: Ante a realidade á que somos enviados non podemos facer “sempre o mesmo”. O arciprestado pode ser un lugar precioso para dinamizar, promover, soñar novas actividades e iniciativas que nas nosas parroquias sós non podemos facer. Fáltanos parresía evanxélica. Habemos de equilibrar as diferentes dimensións da evangelización: a liturxia, a koinonia, a martiria e a diaconía.
5.- O COMPROMISO: Non podemos quedarnos só con boas palabras. Estamos chamados todos a involucrarnos, a traballar e comprometernos nunha pastoral de conxunto. Todos debemos participar. Se alguén non o desexa que, polo menos, non estorbe nin moleste.
Unha estrutura
As estruturas non son a panacea, pero axudan a conseguir os obxectivos. Cal é a estrutura mínima que habemos de conseguir?
1.- Calendario de reunións, que teremos que axendar e ás que debemos de ser fieis.
2.- Unha convocatoria con tempo e coa orde do día, pensada e cun obxectivo.
3.- Unha programación por escrito, que marque os obxectivos e que indique as actividades para realizar.
4.- Un consello de pastoral formado por sacerdotes, consagrados e laicos que indique os obxectivos e accións a realizar, onde se debata e se proxecte.
5.- Uns equipos de traballo ou responsables de área. Todos sabemos que as cousas saen adiante se hai alguén que as pensa, que as proxecta e que tira do carro. Sería desexable que algunhas áreas fundamentais nun arciprestado tivesen un responsable ou uns responsables.
6.- Unhas actividades. Se non se realiza ningunha actividade xuntos para a misión, o arciprestado non ten vida, estrutura baleira. Sería desexable que, seguindo o Directorio, se establecese algún encontro de laicos, vida consagrada e laicos. Nuns arciprestados tan grandes moitos deles, haberá que coidar as sedes das mesmas: nalgúns casos haberá que concentrar, noutros duplicar ou dispersar…
Un bo director
O arcipreste ten unha función importante: non é o que realiza todo, pero si é o director. Por iso anima, alenta, promove, ilusiona… É importante redescubrir as funcións que aparecen no Directorio como axente de comuñón. Pero tamén ten que ser operativo ou levar a operatividade ás reunións moderando, facendo calar, axuntando vontades…
Metodoloxía
Temos un bo equipo pero fai falta sempre unhas boas tácticas de xogo… Propoño algunhas que me pareceron importantes e suxeridas en diferentes reunións:
1.- Comezar as reunións deixando un tempo para que cada un comparta como se atopa, que está a realizar, que lle preocupa, que luces descubriu neste tempo…
2.- Dedicar un tempo á lectura do evanxeo do domingo próximo: para compartir ecos, chamadas, propostas…
3.- Facer seguimento da acta da reunión anterior para ver se avanzamos ou non. Nese sentido é fundamental revisar as actividades que se realizan.
4.- Ter unha orde do día e ser fieis á mesma, tentando sacar propostas concretas e sendo fieis á programación. Hai moitos temas que preocupan e que se poden debater arciprestalmente.
5.- Coidar a amizade sacerdotal: é importante o tempo do almorzo, pero tamén algunha saída conxunta (polo Nadal, fin do curso…) que é bo programar.
Máis información:
Reestruturación arciprestal: a diocese pasa a dividirse en catro arciprestados
Decreto sobre a reorganización dos arciprestados








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















