Hai uns días tiña un encontro con xornalistas da zona da Mariña. Repasando temas de actualidade, comentáballes a preocupación que me transmitían os responsables do proxecto Oblatas da nosa diocese, que traballa co mundo da prostitución. Segundo constatan nos últimos tempos, a presenza de mulleres moi vulnerables que veñen ao noso país fuxindo dunha situación dramática dos seus destinos de orixe, fai que caian facilmente en redes de trata e de explotación sexual. Son mulleres que proceden de Venezuela, Paraguai e Colombia. Ao realizar un proceso migratorio precipitado e ao atoparse con enormes dificultades para a súa regularización e necesidades económicas, vólvense facilmente dependentes de proxenetas e explotadores sexuais aos que, en moitos casos, deben entregar o 40 ou 50 % das súas ganancias.
O papa Francisco referiuse en moitas ocasións a esta situación que nos é descoñecida. Nun recente discurso dicía: “A trata de persoas desfigura a dignidade. A explotación e o sometemento limitan a liberdade e converten ás persoas en obxectos de uso e de descarte. E o sistema da trata aprovéitase das inxustizas e inequidades que obrigan a millóns de persoas a vivir en condicións de vulnerabilidade. De feito, as persoas empobrecidas pola crise económica, as guerras, o cambio climático e tanta inestabilidade son facilmente recrutadas”.
Esta dramática realidade que afecta a persoas concretas ten lugar no medio dun debate nacional sobre a limitación do acceso á pornografía no caso de menores. Un feito que evidencia tamén unha sociedade enferma que está a ser transformada rapidamente polo factor dixital. Tras este debate hai unha necesidade urxente de educar e vivir unha sexualidade que sexa manifestación auténtica da dignidade da persoa. Porque o problema non afecta unicamente os menores, senón ao conxunto da sociedade.
A sexualidade, sabémolo, non é meramente un instinto humano. Moito menos ha de ser unha forma de explotación e instrumentalización doutra persoa. É unha maneira de expresarnos e relacionarnos que reflicte a grandeza de cada persoa. Por iso, ha de estar adecuadamente integrada no ser persoal. Iso conleva unha educación afectivo-sexual.
Os tempos en que vivimos de pansexualismo fan que este discurso sexa contracorrente. Vivimos tempos nos que a sexualidade foi reprimida no ámbito do público. Hoxe, son tempos de ditadura ideolóxica onde falar destas cuestións catalógate facilmente. Con todo, habemos de volver proclamar e anunciar que toda persoa está chamada ao amor. O ser humano nace do amor e é convidado a vivir no amor. Nesa medida vive acorde coa súa dignidade. A sexualidade convértese así nun instrumento fermoso para manifestar esa vocación que nos axuda a crecer, a respectarnos, a ser fieis a nosa propia identidade persoal e social.
A Igrexa celebra o 8 de febreiro a Xornada de Oración e Reflexión contra a Trata de Persoas. Faio porque conmemora a festa de santa Josefina Bakhita. Esta santa sudanesa foi escravizada durante anos e vendida en varias ocasións. O seu rostro é o rostro e símbolo contra a trata de seres humanos. Ela finalmente coñeceu a Xesucristo, do que descubriu un amor verdadeiro que nos dá dignidade.
Ao celebrar hoxe esta xornada, facémonos próximos a tantas persoas que sofren esta terrible realidade. Igualmente, facémonos responsables de erradicar as raíces culturais, económicas e sociais que o cultivan e promoven. E agradecemos ás persoas e institucións que loitan contra a trata e acompañan a todas estas persoas.
O voso irmán e amigo.
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















