Caridade, futuro e cultura: facendo balance do ano 2023

A conclusión do ano natural fai que, instintivamente, realicemos un balance do tempo pasado. É bo que, de cando en vez, miremos cara atrás e valoremos como o paso do tempo permite tamén construír nunha dirección ou iniciar procesos que nos leven a unha meta. O mare mágnum do día a día impídenos, en moitas ocasións, ser conscientes de cara a onde camiñamos, do rastro que deixamos, dos froitos que ofrecemos…

Tamén a nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol ha de realizar este exercicio. No recente sínodo celebrado en Roma solicitábase reiteradamente, como boa práctica que derive nunha Igrexa máis corresponsable afastada do clericalismo, realizar un exercicio de “rendición de contas” por parte daquel que ten autoridade. É imposible cuantificar a tarefa da Igrexa. É verdade que non é o éxito o que mide o noso traballo, senón a fecundidade. É indubidable que só o Deus da historia coñece o que se realiza e valora na súa xusta medida o moito pequeno no que se nos vai a vida. Pero tamén é bo presentar orgullosos o froito da nosa fe, que sempre está chamada a cambiar a vida das persoas e do mundo no que vivimos.

Hai uns días tiña un encontro con xornalistas e o primeiro que lles comentaba é a cantidade de noticias que a nosa Igrexa diocesana xerou ao longo dos 365 días que nos deixaron. Na nosa páxina web apareceron preto de cincocentas. Ademais, trátase de noticias xeralmente esperanzadoras: porque a Igrexa xera esperanza co evanxeo que transmite. Que contraste co silencio co que normalmente se trata a vida eclesial ou coa obsesiva procura de morbo ou de erros!

Se botamos a vista atrás, desde o meu punto de vista, a nosa Igrexa diocesana de Mondoñedo-Ferrol sementou moita “caridade”. Non ha de estrañar, pois esa é a súa misión. Caridade que se significa na apertura dun novo recurso para persoas privadas de liberdade, que poderán ter un piso de acollida nos seus permisos penais. Un grupo de voluntarios acompañará tamén a súa estancia en liberdade. Caridade que se expresa tamén na acollida de miles de inmigrantes e refuxiados, acollidos polas nosas Cáritas. Pero que se significa no proxecto da Mesa Rural promovida pola Conferencia Episcopal, e no que participamos, que permite a algún migrante establecerse no noso territorio rural despoboado para emprender unha nova vida. E caridade que se vive no coidado especial á infancia coa Comisión Protexe, que publicou o súa “Guía de boas prácticas”, organizando algún encontro formativo e festexando o Día da Infancia (20 de novembro) centrado na defensa dos dereitos dos máis pequenos.

A segunda palabra que resume o ano que nos deixou é “futuro”. Durante este ano, a nosa diocese reestruturouse en catro arciprestados en lugar dos sete nos que se dividía. Deste xeito, xunto coas unidades pastorais que xa funcionan, preténdese ser máis eficaces no uso dos recursos escasos que temos, máis incisivos e significativos nas actividades que se realizan, máis creativos nas propostas evanxelizadoras. Ademais, a participación de máis de sesenta mozas e mozos diocesanos na XMX de Lisboa axúdanos a confiar na presenza de mozos que sexan fermento de toda a mocidade. E, por último, os cinco seminaristas que viven no noso seminario xérannos moita esperanza e ilusión.

A última palabra que ofrezo como resumo do ano que se foi é “cultura”. A nosa Igrexa diocesana estivo moi activa na xeración e no coidado das nosas expresións culturais. Móvenos unha certeza: unha fe que non xera cultura é unha fe morta. A creación dunha nova cátedra en colaboración coa Universidade da Coruña garante unha presenza no ámbito universitario. O coidado da nosa catedral como espello de nosa propia diocese foi estendido por todas as ordes: novos estatutos, novas visitas, o nomeamento dun organista… E, por último, as continuas restauracións de moitos dos nosos significativos edificios, coa colaboración das administracións, permitíronnos coidar o rico patrimonio que administramos.

Damos grazas a deus por todo o ben realizado e polas persoas das que se serve para logralo. E que o novo ano nos axude a seguir sendo luz e esperanza para tanta xente.

O voso irmán e amigo.

+ Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas