O vindeiro venres 31 de marzo, ás 20:30 horas, na igrexa da Nosa Señora do Carmen, a Coral Polifónica Ferrolana «A Magdalena» ofrecerá á cidade de Ferrol o tradicional concerto sacro que de forma ininterrompida vén programando desde o ano 2006. É a achega que esta coral fai anualmente para acompañar musicalmente os actos da tan recoñecida Semana Santa Ferrolá. Este ano compartirá programa co Coro de Cámara «Carabé» da Coruña. No acto está prevista a presenza do bispo diocesano, monseñor Fernando García Cadiñanos.
Carabé nace na Coruña en 2016, e na súa curta vida ofreceu multitude de concertos, destacando o recital conmemorativo polo 250º aniversario da construción do templo de San Jorge A Coruña, en abril de 2017; o concerto ofrecido no convento das Clarisas de Allariz (Ourense) en xullo de 2018, e o organizado pola Casa de España en Milán, na igrexa de San Marcos desta cidade italiana, con motivo da celebración do Día da Hispanidade, o 12 de outubro de 2018. A dirección musical está a cargo de José Manuel Yáñez.
A Coral Polifónica Ferrolana, con orixes no ano 1941, da man do sacerdote Manuel Pérez Fanego, na factoría Sociedade de Construción Naval, pasou a denominarse en 1947 Coral Polifónica de Bazán. E en 1979, ao desvincularse da empresa Bazán, pasa a ser Coral Polifónica Ferrolana, debutando como tal o 18 de decembro de 1980 no teatro Jofre de Ferrol. Desde o ano 2006, a coral recuperou para Ferrol os dous concertos tradicionais na cidade: o Concerto de Nadal na concatedral de San Xiao e o concerto sacro que acompaña a celebración da Semana Santa Ferrolá.
Desde outubro de 2017, iniciando unha nova singradura, adoptou ou nome de «A Magdalena», en honra e homenaxe ao barrio insignia de Ferrol nacido na etapa da Ilustración, da man do ilustre mariño Jorge Juan.
Nestes últimos anos está a participar activamente nos programas culturais da Deputación provincial da Coruña e do Concello de Ferrol, así como nas celebracións máis solemnes da Diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Desde xaneiro de 2023 ocúpanse da dirección musical Patricia Rodríguez Rico e David Sanmartín González.
A Coral Polifónica Ferrolá «A Magdalena» solemnizará tamén os oficios de Venres Santo, que terán lugar o día 7 de abril, ás 16:30 horas, na concatedral de San Xiao, co acto central da Adoración da Cruz. A continuación terá lugar, a cerimonia do Desencravo, organizada pola Irmandade do Santo Enterro.