O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o bispo da diocese de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García, visitaron o resultado das obras de rehabilitación da igrexa do mosteiro de San Salvador de Lourenzá. Unha intervención na que departamento de Cultura da Xunta investiu máis de 360.000 euros e grazas á que se solucionaron os problemas de conservación do templo.
Román Rodríguez destacou o compromiso do Goberno galego coa recuperación do patrimonio artístico e cultural, que se traduce nun aumento do 14% nos orzamentos de 2023 para este fin.
“O noso obxectivo é conservar bens tan singulares como este para que poidan gozar deles non só a presente xeración, senón tamén as próximas”, afirmou. O conselleiro lembrou, ademais, que o mosteiro de San Salvador de Lourenzá é un valioso elemento no Camiño do Norte, polo que constitúe un importante atractivo dinamizador para os visitantes que chegan á zona.
As actuacións de restauración tiveron como obxecto o cambio e arranxo das partes da cuberta do templo danadas, así como da lanterna situada sobre a cúpula do cruceiro. Así mesmo, reparáronse as humidades que presentaban tanto as revocaduras das bóvedas como as naves laterais e as partes baixas dos muros do triforio. Ademais renovouse por completo a instalación eléctrica da igrexa e cambiáronse parte das luminarias.
Exemplo da arquitectura de Casas e Novoa
Considerado Monumento Histórico Artístico Nacional desde o ano 1974, o mosteiro de San Salvador de Lourenzá foi fundado polo conde Osorio Gutiérrez (coñecido como o Conde Santo) a finais do século I. Chegou ao seu maior apoxeo nos séculos XVII e XVIII, cando se substituíu completamente o primitivo mosteiro medieval, do que quedan apenas restos como unha lauda ou lápida sepulcral do século XII e unha ara, posiblemente do X.
O templo actual, construído en granito procedente de Burela, iniciouse en 1735 con trazas de frei Juan Vázquez de Samos, modificadas por Fernando de Casas e Novoa, autor da monumental fachada do Obradoiro na catedral de Santiago de Compostela.
A fachada da igrexa responde plenamente os ideais da arquitectura de Casas e pode considerarse como precedente inmediato da do Obradoiro, cun corpo central flanqueado por dúas torres, das que só a do reloxo foi concluída.
A igrexa ten planta de cruz latina, cunha nave maior dividida en catro tramos e composta dunha nave central máis ancha e dous laterais separadas por grandes piares. A nave central cóbrese cunha bóveda de canón de catro tramos cun gran luneto en cada lado e sobre as laterais ábrense tribunas con balcóns sobre a nave central e o cruceiro que se cobren con bóvedas de aresta de cachotería de xisto. Sobre o amplo cruceiro elevase unha cúpula de 46 casetóns apoiada nun anel sobre trompas e coroada por unha lanterna octogonal, restaurada nesta intervención.
Fonte: COPE da Costa-Ribadeo
Culminamos traballos de rehabilitación en dous bens senlleiros do #CamiñodeSantiago
?No claustro da Catedral de Lugo, no Camiño Primitivo
? Na igrexa de San Salvador de Lourenzá, no do Norte
Un investimento de case 1M€ para conservar o patrimonio para as xeracións futuras pic.twitter.com/vKomXt9QUF
— Román Rodríguez (@RomanLalin) March 25, 2023








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















