Curso de formación dentro do proxecto diocesano de protección da infancia

  • Dirixido a sacerdotes, catequistas e colaboradores pastorais para reforzar a seguridade dos menores nas actividades eclesiais
  • O curso, que terá lugar o 27 de febreiro en Foz e o 28 en Ferrol, ofrecerá unha formación básica, participativa e práctica sobre prevención, protocolos de actuación e creación de entornos seguros

A diocese de Mondoñedo-Ferrol vén de poñer en marcha un proxecto piloto de formación en protección da infancia e creación de entornos seguros, en coordinación con outras dioceses e en colaboración con Didania, Federación de Entidades Cristiás de Tempo Libre. O obxectivo é que todas as persoas que participan nas actividades pastorais —sacerdotes, catequistas, membros de Cáritas, confrarías, campamentos, delegacións e movementos— conten cunha formación básica que axude a mellorar a prevención e o coidado dos menores nas nosas comunidades.

Desde a constitución da Oficina de Protección á Infancia e Persoas vulnerabales (PROTEXE) son diferentes as accións que se viñeron promovendo: charlas, xornadas de sensibilización, publicación e difusión de protocolos, contactos persoais. O que se busca agora é promover e fomentar de maneira activa na nosa sociedade unha cultura do coidado da infancia.


Un mesmo curso con dúas sedes para facilitar a participación

No marco deste proxecto ofrécese un curso presencial (impartido en dous lugares diferentes para facilitar a participación de toda a diocese) baixo o título «Protección Infancia e Entornos Seguros». A primeira sesión terá lugar en Foz, o venres 27 de febreiro, no CPR Plurilingüe Nosa Sra. do Pilar, de 16:00 a 20:00 horas; e a segunda en Ferrol, o sábado 28 de febreiro, no CPR Plurilingüe Arenales Santa Juana (antigo Lestonac en Caranza), de 10:00 a 14:00 horas.

A proposta estrutúrase en dous bloques formativos: un primeiro de sensibilización, centrado na cultura do bo trato, a violencia contra a infancia e os protocolos básicos de actuación, e un segundo de profundización, no que se abordarán criterios de participación infantil e xuvenil e claves prácticas para incorporar a voz de nenos, nenas e adolescentes nos espazos eclesiais de forma segura.


Metodoloxía e prazas dispoñibles

A formación está deseñada cunha dinámica moi participativa e áxil, combinando exposicións breves con traballos en grupo e estudo de casos prácticos. En cada sede ofrécense 30 prazas, polo que é necesaria inscrición previa achegando os datos persoais das persoas participantes, dado que a emisión da certificación de asistencia require o rexistro completo de quen toma parte no curso.

As persoas interesadas poden cubrir o formulario de inscrición e remitilo ao enderezo de correo indicado, dentro do prazo establecido. Unha vez recibida a solicitude confirmarase por correo electrónico a adxudicación de praza.


Cara a unha cultura diocesana de entornos seguros

Esta iniciativa constitúe a primeira etapa dun itinerario formativo que a diocese agarda poder continuar con sucesivas edicións e cursos de actualización. A finalidade última é que todos os axentes de pastoral dispoñan desta formación básica e que as accións pastorais de parroquias, delegacións e movementos se leven a cabo nun marco de plena seguridade para nenos, nenas e adolescentes, promovendo unha auténtica cultura do bo trato na Igrexa diocesana.

A diocese de Mondoñedo-Ferrol convida a difundir esta proposta nos diferentes ámbitos pastorais e anima ás persoas implicadas na vida parroquial e diocesana a participar activamente nesta oportunidade de formación.

DESCARGA: Cartel e folla de inscrición (PDF)

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas