Non hai moitos días aparecía nun dos nosos xornais locais unha radiografía das persoas privadas de liberdade no noso país. Entre os moitos datos que se recollían no informe figuraba que son máis de 56.000 as persoas que están nestes momentos nalgunhos dos nosos cárceres, a gran maioría homes e cunha media de idade de 41 anos. Ademais, sinalábase que entre as razóns máis en alza para a entrada en prisión contábanse a violencia machista e sexual, o consumo de drogas e as causas relacionadas co tráfico (alcanzando en torno ao 40 % da poboación total). No informe poñíase o acento na preocupante porcentaxe de persoas con problemas de saúde mental que están a cumprir condenas privativas de liberdade.
Esta realidade podemos mirala de moitas maneiras. Quizais prevalece na nosa sociedade unha mirada vindicativa que pon especialmente o acento no delito, a seguridade, a pena, atreveríame a dicir que na vinganza. Con todo, as solucións que se derivan desa lóxica (o alongamento das penas, a penalización das condutas…) lévannos a canellóns sen saída que, ao final, impiden a auténtica reinserción dos diferentes.
Por iso, necesitamos outra mirada máis humanizadora e creativa. Sen dúbida é á que Xesús e o seu evanxeo nos convocan. É aquela que se fixa fundamentalmente en cada persoa e descóbrea tamén na súa dignidade. A dignidade que é unha realidade connatural a cada persoa e que non se perde nunca, mesmo cando se caeu no delito. Reivindicar esta dignidade fainos ben como sociedade porque nos lembra tamén que a dignidade se presenta como un arduo e necesario camiño e proceso persoal por desenvolver. Porque somos dignos necesitamos tamén brillar e actuar conforme á nosa dignidade.
Non debemos esquecer que as persoas que están nos nosos cárceres naceron nas nosas familias, viviron nos nosos barrios e aldeas, camiñaron polas nosas parroquias, as súas familias están entre nós… E, unha vez cumprida a condena, volverán de novo no medio de nós. Son parte de nós mesmos, por moito que os queiramos illar, separar, afastar. Por iso, non as podemos abandonar á súa sorte, senón que debemos estar moi unidos a elas. Ademais, para os cristiáns, en cada preso escóndese o propio Cristo: “Estiven preso e visitástesme”.
Desde a Pastoral Penitenciaria precisamente convídanos a facer esta necesaria conversión da mirada e da lóxica desde a que actuamos. Coñecedes que, desde o ano pasado, veuse estruturando esta delegación na nosa diocese. Trátase de que exista un grupo de persoas, enviadas pola nosa Igrexa, a este campo privilexiado para a misericordia. Un grupo de persoas que, ben formadas, nos axuden ao resto da Igrexa e da sociedade para coñecer a realidade do cárcere, así como as súas causas e consecuencias. Desde esta análise a súa encomenda é buscar camiños para previr, acompañar e inserir ás persoas privadas de liberdade. Por último, a súa sensibilidade e esperanza ha de expor outras vías para o cumprimento das penas e para instaurar unha xustiza que sexa capaz de sandar tanto á vítima como ao victimario. Como vedes, unha proposta integral e moi ambiciosa que necesita de moitas mans voluntarias para facela realidade. Unha proposta que pon a caridade como o único motor do actuar e do cambio persoal e social.
A festa da Mercé que nos dispoñemos a celebrar o 24 de setembro pon de novo ante os nosos ollos esta realidade do cárcere que non podemos eludir. Benvida sexa esta Pastoral Penitenciaria que nos axudará a ser unha Igrexa máis misericordiosa e caritativa.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
Fotografía de portada: S. Chaudhry