“Encomenda o teu camiño ao Señor e el actuará” (Sal 37,5) é o lema da Xornada de Responsabilidade no Tráfico que a Igrexa en España celebra o primeiro domingo de xullo, este ano o día 2. Desde hai 55 anos, o departamento de Pastoral da Estrada da Conferencia Episcopal Española promove esta xornada coincidindo co inicio dos desprazamentos masivos polas vacacións de verán e próxima á festividade do patrón dos condutores e transportistas, san Cristóbal, o 10 de xullo.
Cal é a mensaxe dos bispos?

A mensaxe deste ano, en sintonía co lema, é unha invitación, a cada un dos condutores, para antes de iniciar a viaxe rezar uns momentos ao Señor para poñer nas súas mans “o voso camiño coa seguridade de contar coa súa axuda”. A oración, “ademais de poñernos en relación con Deus, estimula a nosa responsabilidade”.
Os bispos da subcomisión episcopal para as Migracións e Mobilidade humana lembran que a Xornada de Responsabilidade no Tráfico tivo os seus inicios no Día de Oración pola Estrada que se instaurou en 1970 polos moitos accidentes e mortos que había na estrada. O propósito deste día, explican, era pedir a axuda de Deus para todos os que viven, viaxan e morren na estrada e axudar a espertar en todos o sentido de responsabilidade cristiá no tráfico.
“Unha forma sinxela de orar –recomendan- é facer o sinal da cruz”. Un xesto “sinxelo, pero dun gran significado de fe”. O Noso Pai, a Salve, o Ánxelus, ou o rosario son outras oracións “que rezamos” ao longo das nosas vidas en ocasións e circunstancias moi diversas. “E, por que non? tamén cando viaxamos podémolas rezar”.
Ademais, destacan que cada vez máis condutores teñan presentes a oración do condutor, a do Cristo da Estrada, a da Virxe da Prudencia ou san Cristóbal. Os bispos e o departamento de Pastoral da Estrada precisan «que non se trata de converter o noso vehículo nunha capela» pero “comprácenos saber” que en moitos vehículos e camións van colgados signos relixiosos ou levan imaxes dalgún santo da devoción do condutor.
“Se estes signos relixiosos no interior ou exterior dos nosos vehículos -continúan-axúdannos a rezar e elevar o noso corazón a Deus, benditos sexan todos eles”. Porque rezar para ter unha boa viaxe “estimúlanos a poñer os cinco sentidos para conducir con responsabilidade e nas debidas condicións”. E “crer no Señor, amigo da vida (Sab 11,26), esixe de nós coidar desta, a nosa e a dos demais, con todo mimo e dedicación”.
Máis información visitando a web da delegación diocesana de Pastoral da Estrada.







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















