Cada 8 de febreiro, a Igrexa convídanos a celebrar unha Xornada de Oración e Reflexión sobre Trata de Persoas. Faino ao celebrar a memoria de santa Josefina Bakhita, unha santa africana que padeceu a escravitude. A mediados do século XIX esta muller sudanesa foi capturada e vendida varias veces sufrindo violencia por diferentes señores. Finalmente, ao servizo dos seus amos italianos, descubriu o cristianismo, que sentiu fundamentalmente como un encontro cun amor máis grande e entrañable que, por primeira vez, a trataba coa dignidade que merecía.
Parece mentira, pero a escravitude hoxe segue existindo en forma de trata. A trata de persoas consiste en “recrutar, trasladar, desprazar, ocultar ou recibir persoas por medio de ameazas, uso da forza ou outras formas de coacción, secuestro, fraude, engano, abuso de poder ou dunha situación de vulnerabilidade, así como o acto de dar ou recibir calquera tipo de retribución ou beneficios co fin de conseguir o consentimento dunha persoa que teña dominio sobre outra co propósito de explotala”.
E é o drama que hoxe seguen sufrindo miles de persoas, fundamentalmente mulleres e nenas, que están sometidas a múltiples formas de explotación e á escravitude doméstica, sexual e laboral. Está claro que son obxecto desta inxustiza por mor da vulnerabilidade, a marxinación e o empobrecemento no que viven en moitas ocasións.
Esta xornada debe de axudarnos a tomar conciencia social ante este drama humano. Hai que dar voz e visibilizar a situación de violencia na que estas persoas se atopan. As relixiosas Oblatas, que estiveron connosco en Ferrol durante os últimos 115 anos, axudáronnos a sensibilizarnos nese sentido. Grazas pola vosa tarefa silenciosa e escondida. Queda a vosa obra que permanece e acompaña integralmente ás mulleres que queren saír desa situación na que se atopan.
Este día é unha invitación para camiñar pola dignidade de toda persoa que nunca pode ser utilizada para o pracer, o desexo, o interese, o beneficio, o egoísmo de ningunha outra persoa. Todos temos unha dignidade, un valor incalculable que nos impide ser tratados como meros obxectos, que nos eleva da vulgaridade das cousas e nos vacina de toda tentativa de cousificación. Nese sentido hai moito que traballar cando se constata que o consumo de prostitución é de xente cada vez máis nova; cando a violencia de xénero está establecida e estendida; cando o individualismo nos impide vivir a comuñón e a relación; cando os patróns de relación entre sexos están marcados en moitas ocasións polo poder…
Dar dignidade a cada persoa que nos atopamos, e especialmente ás persoas vulnerables, elévanos como sociedade. Conseguiremos dar dignidade cando sexamos capaces de ter ollos abertos que nos permitan recoñecer xunto a nós os procesos que levan ás persoas para trata; de camiñar cun corazón atento para descubrir camiños de coidado e inclusión das persoas; de poñer as nosas mans ao servizo de accións que busquen promover a loita contra a trata de persoas; de empeñarnos en construír unha cultura do encontro, unha Igrexa casa de todos, hospital que acolle aos máis vulnerables.
Na fe cristiá atopamos unha forza grande para loitar contra a trata: a dignidade que temos ao descubrirnos como fillos de Deus lévanos a tratarnos sempre como irmáns, a contemplar no rostro do ferido a presenza sacramental do mesmo Cristo, a denunciar toda inxustiza. “A violencia que sofre cada muller e cada neno é unha ferida aberta no corpo de Cristo, no corpo de toda a humanidade, é unha ferida profunda que tamén nos afecta a cada un de nós” (Papa Francisco). Anímovos a que a nosa Igrexa diocesana non estea á marxe desta realidade terrible da trata que vive moito máis preto de nós do que pensamos, aínda que sexa invisible. Oxalá a nosa Igrexa promova unha cultura da dignidade que o noso mundo tanto necesita.
O voso irmán e amigo.
Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















