Frear a desigualdade está nas túas mans

A desigualdade é un factor de feito na nosa sociedade: non somos iguais, nin podemos ser iguais, porque todos somos diferentes e distintos. Temos capacidades variadas, calidades diversas, corporalidades complementarias, aptitudes plurais. É unha riqueza esa desigualdade. O que resulta un escándalo é cando esa desigualdade se converte nun foso insuperable, nunha diferenza máis aló do razoable, nunha desigualdade inxusta que afecta á dignidade humana.

E iso é o que hoxe está a suceder, especialmente tras a crise da pandemia. Segundo os informes de organizacións sociais está a producirse unha inxusta concentración dos bens económicos en mans duns moi poucos. Basten algúns datos: a riqueza dos dez homes máis ricos do mundo duplicouse, mentres que os ingresos do 99% da humanidade se deterioraron; conxuntamente, 252 homes posúen máis riqueza que os mil millóns de mulleres e nenas de África, América Latina e o Caribe.

E esta desigualdade prodúcese a niveis internacionais, pero tamén no seo das nosas sociedades nacionais e en nosa propia sociedade galega. Por iso, non nos estraña a afirmación que fai o papa Francisco: “A desigualdade é cada vez máis patente e é a raíz dos males sociais” (EG 202).

En efecto, a desigualdade produce moitos males ao noso redor: a violencia que tanto nos asusta ten na súa base un compoñente de insatisfacción social e de resposta a unha inxustiza sufrida; a migración é provocada, na maioría das veces, por unha procura dunhas condicións de vida máis xustas e humanas; a fame é froito, non de causas meramente internas ás sociedades que a padecen, senón a unha inxusta repartición dos alimentos; a ausencia de recursos educativos, culturais ou sanitarios en tantas partes do mundo é froito tamén desta falta de vontade política…

Digámolo claro: detrás da desigualdade inxusta existe un desprezo total á dignidade humana. Daría a sensación de que hai persoas que valen máis e outras que valen menos, de que existen cidadáns de primeira e cidadáns de segunda. E iso, sen ningún mérito propio, sen ningún filtro previo, senón a mera casualidade ou o destino. O que fai que a convivencia pacífica mude en tarefa imposible. E impide tamén a fraternidade humana que é á que nos convoca a nosa fe cristiá e á que nos compromete a celebración eucarística.

Desde logo que son os dinamismos económicos, as estruturas de pecado que xa denunciou Xoán Paulo II, sustentadas por decisións políticas, os que producen que esta desigualdade se acrecente. E o que provoca que os mecanismos de solidariedade que hoxe existen non sexan suficientes para reverter a situación. Temos que dicir “non” a unha economía que mata, que provoca desigualdade e exclusión.

Por iso, Manos Unidas lémbranos cada mes de febreiro esta situación que non queremos ver e ante a que pechamos os ollos. E lémbranos, especialmente neste ano, que frear a desigualdade está nas túas mans. Como? A través dunha tarefa educativa que cambie os valores culturais que nos van conformando e nos introduzan a clave dos coidados como forma e estilo de vida; a través de hábitos solidarios que nos axuden a pensar nos que menos teñen, tanto nos nosos xestos de xenerosidade como nas nosas formas de consumo; apoiando e promovendo políticas fiscais máis xustas que redunden nunha mellor distribución da riqueza; promovendo políticas sociais globais que garantan os dereitos sociais para todos; apoiando o mantemento das axudas ao desenvolvemento por parte das administracións públicas, tamén en períodos de dificultade; loitando por unha economía máis social que nos libere da ditadura do mercado; coidando unha espiritualidade que nos “aproxime” cos rostros que sofren…

Grazas a Manos Unidas, os seus voluntarios, porque nos axudades a pensar, a poñer rostro á desigualdade, a loitar por un mundo máis xusto e humano. Grazas porque nos permitides vivir mellor o evanxeo: “Tiven fame e déstesme para comer”.

O voso irmán e amigo.

Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,555SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas