Inauguración das obras de rehabilitación do templo parroquial do Vicedo

Hoxe venres 7 de xullo (20:00 horas), tras a eucaristía na que un grupo de mozos recibirán o sacramento da confirmación, o bispo diocesano, monseñor García Cadiñanos, inaugurará as obras do templo parroquial de Santo Estevo do Vicedo. Será unha ocasión para agradecer o esforzo e a boa vontade de todas as partes, que fai posible que o patrimonio dos nosos antepasados continúe presente entre nós.

O templo do Vicedo está situado na contorna dun antigo castro. Sábese que foi ampliada polas súas naves laterais en 1794. O seu padroado pertenceu aos condes de Fuensaldaña, descendentes de Alonso Pérez de Viveiro, nacido nesta freguesía. Para comprender a súa orixe debemos remontarnos á presenza na zona dos templarios que ocuparon o mosteiro da illa Coelleira, escavado recentemente e que ilustrou documentalmente no seu día don Enrique Cal Pardo.

As obras de rehabilitación foron realizadas entre os meses de agosto e novembro do ano 2022. Consistiron na renovación de máis 500 metros de cuberta, aproveitando as partes máis antigas e valiosas. Cambiouse toda a estrutura de madeira do presbiterio, conservando as madeiras da nave central. Reconstruíuse (en madeira e lousa) a cuberta do “cabido”, tal e como era antes da intervención en cemento que sufriu nos anos sesenta. Tamén se reconstruíron os soportais, reutilizando as madeiras nobres orixinais. Por último, elimináronse varias árbores secas que supoñían un grave perigo de caída sobre o atrio, e colocouse no alto do tellado unha antiga cruz de pedra.

O custo total das obras ascendeu a 160.000 euros, que puideron ser sufragados grazas ás achegas da diocese (48.500 euros), a Xunta de Galicia (31.600 euros), a parroquia (62.990 euros) e o concello (2.000 euros). A posteriori, a parroquia emprendeu outra serie de obras menores, como o pintado interior e reparacións varias, cun investimento de 15.000 euros.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas