A diocese de Mondoñedo-Ferrol e a Universidade da Coruña (UDC), fieis ao seu obxectivo común de promover a cooperación e a colaboración para o desenvolvemento cultural, científico e tecnolóxico, e procurando unha aplicación práctica do coñecemento en proveito da sociedade, presentan o I Ciclo de Conferencias da Cátedra Diocese-UDC, que se desenvolverá, en dobre xornada e con entrada libre, no Salón de Graos da facultade de Humanidades e Documentación de Ferrol, durante os días 19 e 26 de abril próximos.
Como se avanzou no acto de firma do convenio de colaboración entre ambas as institucións, celebrado no mes de xuño de 2022, entre os obxectivos específicos desta cátedra atópanse: ofrecer un espazo formativo de reflexión plural sobre a achega cristiá á cultura; promover o uso e investigación do patrimonio histórico-artístico e documental da diocese de Mondoñedo-Ferrol; fomentar a conciencia social e solidaria mediante a divulgación de distintas iniciativas de promoción humana na contorna; escoitar, valorar e aproveitar as achegas multidisciplinares que a Universidade da Coruña pode ofrecer á Igrexa na súa misión constante de renovación; e impulsar a investigación e a transferencia de coñecemento en Ciencias Humanas e Sociais, centrándose nas áreas de actuación de ambas as institucións.
O tema principal deste ciclo de conferencias virará ao redor de “O misterio de Deus e do home nos primeiros arquivos e bibliotecas”. Tendo en conta a presenza na cidade de Ferrol do grao de Información e Documentación, a comisión xestora considerou oportuno comezar polas raíces, non só porque a Igrexa é unha realidade rica nesta materia relacionada cos arquivos e as bibliotecas, senón porque a propia facultade pode atopar aquí un novo acicate para continuar co seu importante labor de formación neste campo. Estas raíces, que veñen de Oriente, forman o fondo común profundo que marca a orixe da cultura que coñecemos en Occidente. O Oriente bíblico é o seu fogar natural e coñecelo axudaranos a coñecernos mellor a nós mesmos.
Co fin de contribuír á realización do primeiro obxectivo da cátedra (“Ofrecer un espazo formativo de reflexión sobre a achega cristiá á nosa cultura”), esta contou coa colaboración do Instituto Bíblico e Oriental de León (IBO). Trátase dunha fundación privada dirixida polo prestixioso profesor e sacerdote Jesús García Recio, un auténtico mestre que dedicou a súa vida á investigación da cultura mesopotámica, e que conta cun nutrido grupo de colaboradores que difunden por España e o mundo o amor por esa cultura, que constitúe o “humus” necesario para comprender a Biblia e a nosa cultura.
O ciclo de conferencias desenvolverase da seguinte maneira:
Mércores 19 de abril
(No comezo do acto realizarase unha breve presentación da cátedra, obxectivos e programación oficial para 2023).
· 18:30 h. Conferencia: “Profetas nos arquivos de Mesopotamia e na Biblia”. Polo Dr. José Andrés Sánchez Abarrio. Director da área de Ciencias da Relixión de La Salle-Campus de Madrid.
· 19:30 h. Conferencia: “Sobre escribas e escritura. Espazos e sentidos do escrito no Antigo Exipto”. Por María Eugenia Muñoz Fernández. Profesora do ISCCRR/Instituto Teolóxico Compostelán (ITC).
Mércores 26 de abril
· 19:00 h. Conferencia: “Bibliotecas, scriptoria e oficios de ciencia sacerdotal na civilización faraónica”. Polo Dr. Pascal Vernus. Exiptólogo. Universidade da Sorbona-París.
· 20:00 h. Conferencia: “Deus e o home xuntamente”: de Mesopotamia aos nosos días”. Polo Dr. Jesús García Recio. Director do Instituto Bíblico e Oriental de León (IBO).
Programa da cátedra para 2023 e proxectos de futuro
O programa oficial para o ano 2023 contempla, ademais, o desenvolvemento do obradoiro “Orixe e evolución da escritura cuneiforme”, que estará aberto aos centros escolares e institutos; a exposición “Documentos sobre os primeiros arquivos da historia”, na facultade de Humanidades e Documentación; e unha segunda quenda de conferencias, baixo os títulos “Orixe e evolución da escritura cuneiforme” e “Un texto de arquivo: a creación do home”.
Entre os proxectos para 2024, e como novidades que complementarán o ciclo anual de conferencias, a cátedra convocará un premio de investigación e diferentes bolsas para a formación nos arquivos e bibliotecas da diocese. Como proxecto a longo prazo, a comisión móstrase esperanzada en, durante os próximos anos, poder sentar as bases para a creación e posta en marcha dunha gran biblioteca en Ferrol, que reuniría os fondos diocesanos especializados nas materias de teoloxía, arte, historia e patrimonio, e da que pasarían a formar parte algunhas das bibliotecas particulares máis destacadas de Mondoñedo-Ferrol, entre elas a do teólogo guitiricense Segundo Leonardo Pérez López.







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















