A cidade de Mondoñedo prepárase para celebrar as festas en honra á patroa da cidade e da nosa diocese, Nosa Señora dos Remedios, que se levarán a cabo do 13 ao 16 deste mes de setembro.
O alcalde do Concello de Ortigueira, Valentín Calvín, será o encargado de facer a ofrenda á Virxe na eucaristía solemne do domingo 15 de setembro ás 12:00 horas. A cerimonia estará presidida polo bispo diocesano, monseñor Fernando García Cadiñanos, quen, coa súa homilía, dará resposta á tradicional ofrenda por parte dos antigos partidos xudiciais no territorio diocesano (Mondoñedo, Ferrol, Ortigueira, Viveiro, Vilalba e Ribadeo). A continuación desenvolverase a procesión coa imaxe da Virxe, que estará acompañada pola Banda de Gaitas de Ladrido, e un espectáculo de baile e música tradicional no parque da Alameda. Haberá misas ás 10, 11, 13:30, 18 e 19:00 horas.
As festas rematarán o luns 16 de setembro, Luns dos Remedios e festivo local, coa misa da Cofradía ás 12:30 horas no santuario.
Membros da comisión de festas da Virxe dos Remedios, xunto co párroco do Santuario, Pedro Díaz, presentaron oficialmente a programación das festas patronais, remarcando o seu agradecemento aos veciños e negocios polas súas aportacións económicas, así como ás administracións colaboradoras, “moi necesarias para manter viva entre todos esta tradicional celebración mindoniense”.