Xa sinalou o bispo Jacinto Argaya que a diocese de Mondoñedo-Ferrol é “a diocese máis fermosa do mundo”. As súas costas, as súas paisaxes, o seu clima… fan do seu territorio a envexa de moitas outras rexións, especialmente no tempo de verán cando existen ondas de calor insoportables. Por iso, non estraña que moitas parroquias, dioceses ou colexios elixan estas terras para realizar diferentes actividades de tempo libre e de lecer. Nos últimos días visitáronnos algunhas delas.
O luns saían desde Ferrol sesenta persoas, membros de parroquias rurais da contorna de Ávila, para realizar o Camiño Inglés. O domingo puideron participar na procesión do Carme que tivo lugar polas principais rúas da cidade. Igualmente, o colexio das Hermanas de Cristo Crucificado situado no Barqueiro foi o lugar elixido polos colexios que dita congregación ten en Murcia. Uns trinta raparigos estiveron neste lugar durante unha semana gozando da praia e pasándoo en grande. En palabras dalgún dos seus educadores “é un privilexio poder vir aquí, a pesar da distancia. Os pícaros traballan moi ben e é unha maneira de asentar aspectos que educamos durante o curso”.
Outro lugar referente é a casa parroquial de Benquerencia. Esta casa está cedida temporalmente á diocese de Segovia que, a través da Escola de Tempo Libre, organiza dous campamentos ao longo do mes de xullo. O primeiros dez días estiveron noventa adolescentes e actualmente están outros sesenta nenos desta poboación castelá. En palabras do seu coordinador “é unha sorte poder vir aquí. Cos mozos traballamos moito e créase un ambiente moi fermoso”.
Tamén cada ano o convento de Baltar, na parroquia naronesa do Val, acolle a varios grupos de mozos do colexio Corazón de María de Xixón – CODEMA; e a casa reitoral de Lago, en Valdoviño, é punto base este verán da asociación “Espazo Aberto Galicia”, dun grupo de fregueses da UPA Ensanche-Ferrol e de nenas e nenos do programa de Familia de Cáritas Mondoñedo-Ferrol.
O outro lugar por excelencia de referencia para moitas parroquias e grupos é o seminario de Mondoñedo. Ademais do campamento diocesano, nel hospedaranse diferentes parroquias ao longo do mes de xullo e agosto. Os primeiros días de agosto estará unha parroquia de Pamplona con 114 persoas. Tamén as parroquias de San Germán e de Santa Benedicta da Cruz repiten en Mondoñedo para os seus campamentos familiares. A segunda quincena de agosto máis de 250 persoas de ambas as parroquias, en datas diferentes, prepararán o novo curso e gozarán da paz e a singularidade que lles brinda a cidade mindoniense.