Obituario: Faleceu o sacerdote diocesano Domingo Reija González

Na tarde noite de onte mércores 21 de xuño recibiamos a noticia do falecemento do sacerdote diocesano Rvdo. Domingo Reija González. Nacido na parroquia de Santo André de Barredo en 1936 e ordenado en Mondoñedo en 1964, estaba xubilado e desde facía varios anos residía en Lugo. Os seus últimos destinos pastorais foron as parroquias de San Mamede de Oleiros, San Cosme de Nete e San Xurxo de Rioaveso.

O funeral e enterro terán lugar, segundo información proporcionada pola delegación diocesana de Clero, mañá venres 23 ás 12:30 horas na parroquia de Barredo (Castroverde, Lugo).

Descanse na paz do Señor.


Reseña biográfica

Domingo Reija González naceu o 21 de novembro de 1936 en Santo André de Barredo. Estudiou Latín e Humanidades, Filosofía e Teoloxía no Seminario Conciliar de Mondoñedo. Foi ordenado sacerdote o 6 de xuño de 1964 no Congreso Eucarístico de Mondoñedo.

Entre os anos 1965 e 1972 exerceu como cura ecónomo de Santo Estevo de Rececende e encargado de Vilaoruz. Logo como cura ecónomo de San Mamede de Oleiros e de San Cosme de Nete, desde febreiro de 1972, e encargado de San Xurxo de Riaoveso no ano 1978 ata a súa xubilación.

De don Domingo, alí por onde pasou, habería que destacar a súa sinxeleza e cercanía coa xente que facía que un se sentira a gusto con el. Nós, citando o evanxeo, neste momento podemos dicir coma Xesús: “Grazas, Pai, porque estas cousas non llas revelaches aos sabios e entendidos, senón á xente humilde e sinxela”.

Grazas a quen o coidastes, sobre todo nestes últimos anos da súa vida. Que Deus volo recompense. Descanse na paz do Señor.


Reportaxe: Falece Domingo Reija, o sacerdote do tear

A Domingo Reija González foi o seu labor como sancristán o que conduciu os seus pasos cara ao seminario e cara a posterior ordenación, aló polo ano 1964 en Mondoñedo, decisión da que dicía que nunca se arrepentira, pola felicidade que lle supoñía axudar aos demais e por ver cumprido un desexo da súa familia, á que sempre estivo moi apegado.

Alá polos anos 70, procedente das terras pontenovesas de Conforto, asentábase na parroquia vilalbesa de San Mamede de Oleiros, onde convertía a reitoral no seu fogar para unha longa e relevante etapa vital na que contou co acompañamento do seu pai, da súa súa nai e da súa irmá Hortensia.

Foi precisamente a perda da súa benquerida Hortensia, xunto coa súa delicada saúde, o que levou a Domingo hai pouco máis dunha década a dicirlle adeus a 35 anos como párroco de Oleiros e das veciñas San Cosme de Nete e San Xurxo de Rioaveso. Como un bo veciño, servicial e moi amigo do seus amigos lémbrano por estes lares, polos que era común que atoparse cun home amigo de madrugar dando o seu habitual paseo matutino.

Mais se por algo será lembrado, ademais de polas súas máis de catro décadas de labor parroquial, será pola súa gran habelencia co tear. Foi súa nai quen lles transmitiría a Hortensia e a Domingo a súa paixón por este vello oficio artesanal, do que chegaron a compartir horas de traballo en cadanseu tear.

Desas tres máquinas que compoñían o seu pequeno obradoiro de Oleiros saíron incontables colchas, cortinas, alfombras ou toallas, en resposta as múltiples encargas que non deixaban de recibir grazas ao seu bo facer.

Domingo Reija nacía en 1936 na parroquia de Santo André de Barredo, en Castroverde, e agora, 86 anos despois, logo do seu pasamento o pasado mércores, retorna á súa primeira casa para recibir o cariño dos seus achegados, que o despedirán no mediodía deste venres, ás 12.30 horas, nesa igrexa parroquial na que daba os seus primeiros pasos de servizo a Deus e ao próximo.

E alá, no ceo, Domingo reunirase con todos aqueles que xa non están, paseará entre as nubes e tecerá unha vez máis ao carón de Hortensia e de súa nai, quizais soños, quizais bos desexos, quizais estrelas fugaces. Non deixedes de estar atentos por se vedes alguna. DEP Domingo.

Fonte: El Progreso. Edición A Chaira

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas