Os bispos de Galicia e do norte de Portugal reuníronse en Tui

  • Máis dunha decena de prelados das provincias eclesiásticas de Braga e Santiago abordaron en Tui a iniciación cristiá e o catecumenado de adultos

O pasado martes, 20 de outubro, máis dunha decena de bispos das provincias eclesiásticas de Braga (Portugal) e Santiago de Compostela acudiron a Tui para manter unha reunión de traballo e convivencia que, con periodicidade anual, celébrase en cada ocasión nunha sede lusa ou galega diferente. A biblioteca do Seminario Menor «San Paio» acolleu a reunión na que se trataron temas relacionados coa iniciación cristiá e o catecumenado de adultos.

A continuación, os bispos realizaron unha visita á catedral tudense de Santa María no marco do Ano Xubilar que a diocese de Tui-Vigo está a celebrar con motivo do 800 aniversario da dedicación do templo catedralicio. Para esta xornada, o deán da catedral, José Diéguez, procedeu á apertura do altar das reliquias para a súa ostensión extraordinaria —veneración das reliquias—.

Nesta reunión participaron varios bispos de Portugal, encabezados polo arcebispo de Braga, monseñor José Manuel García Cordeiro, e os respectivos das dioceses de Aveiro, Bragança-Miranda, Coimbra, Lamego, O Porto, Viana do Castelo, Vila Real e Viseu, entre bispos titulares, auxiliares e algúns eméritos. Por parte de Galicia, asistiron: o bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco; o bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos; o bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos; o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, xunto ao emérito, monseñor Julián Barrioo; e o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, acompañado polo emérito, monseñor Luís Quinteiro.

A provincia eclesiástica de Santiago está formada polas dioceses de Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense, Santiago de Compostela e Tui-Vigo. Pola súa banda, a provincia eclesiástica de Braga está integrada polas dioceses de Braga, Aveiro, Bragança-Miranda, Coimbra, Lamego, Porto, Viana do Castelo, Vila Real e Viseu.

Na Igrexa católica son designadas provincias eclesiásticas as agrupacións de varias dioceses, coa finalidade de promover unha acción pastoral común en varias dioceses veciñas e fomentar, de maneira máis adecuada, as recíprocas relacións entre os bispos diocesanos. Para iso, conforme o espírito do decreto conciliar Christus Dominus, nn.39-40, axudan as características sociolóxicas, históricas e xeográficas.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas