Os Cursos de Cristiandade volven transmitir na nosa diocese "o esencial cristián"

Esta pasada fin de semana desenvolveuse no Seminario de Mondoñedo o 34º Curso mixto de Cristiandade de Mondoñedo-Ferrol. Os dezasete participantes puideron gozar dunha auténtica atmosfera de relixiosidade cristiá, á que sempre contribúe de modo especial a serena e afable presenza de José Bello Lagüela, consiliario diocesano deste movemento de cursos.

Os Cursos de Cristiandade, cunha duración de 48 horas, durante as cales os participantes permanecen sempre dentro das instalacións do Seminario para non romper así a atmosfera que antes citabamos, teñen como obxectivo transmitir dunha maneira sinxela “o esencial cristián”. A través dunha serie de relatorios que, na nomenclatura do movemento, denomínanse “rolos”, fálase aos asistentes do Ideal, a Gracia, a Iglesia, Xesucristo, a Fe, a formación como cristiáns, os sacramentos, a fermentación dos ambientes nos que nos desenvolvemos cada día, a comunidade cristiá e, finalmente, a vida cristiá.

Unha característica importante dos cursos é que se trata dunha formación impartida por laicos e para laicos. Certamente, contando sempre coa presenza dun sacerdote. No caso dos cursos levados a cabo en Mondoñedo dáse un “luxo” engadido, que non é outro que a dirección, guía e saber facer do mencionado José Bello. Aos seus case 87 anos (que cumprirá D.m. este mes de marzo), don José segue á fronte, coa súa gran espiritualidade e presenza de ánimo, tanto do movemento de Cursos como da Adoración Nocturna da diocese. A verdade é que don José encandea a todos os participantes (veteranos e noveis) coas súas palabras, xa que realiza a meditación da noite do venres e tamén a de primeira hora da mañá do sábado, ademais de impartir os rolos de Gracia, Sacramentos e Vida Cristiá.

Ademais, este Curso número 34 contou, de forma extraordinaria, cun sacerdote para impartir o rolo de Igrexa, Javier Martínez Prieto, que veu desde as súas parroquias na comarca de Ortegal ao mediodía do sábado e ás que tivo que regresar para as celebracións desa mesma tarde. Foron apenas un par de horas, pero de moito proveito, xa que escoitar a don Javier achega sempre perspectiva e claridade sobre moitas cuestións.

Cabe destacar que nesta edición os cursillistas gozaron dun luxo engadido: a presenza e acompañamento do bispo García Cadiñanos. Don Fernando compartiu a comida do domingo con todos os asistentes e quedou con eles boa parte da tarde, escoitando algún dos rolos finais e transmitindo despois ao grupo “a misión” que se espera dos cristiáns: saíde ao mundo e evanxelizade. Tras iso, o noso prelado entregou un crucifixo a cada un dos cursillistas, acompañado coas palabras “Xesús conta contigo”, ao que cada un deles contestaba, xa coa cruz nas súas mans, “E eu coa súa Gracia”.

Texto: Rubén Amor

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas