A Xornada Mundial dos Pobres, á que o Papa nos convoca cada ano por estas datas, é unha ocasión propicia para reflexionar sobre o posto a que estes ocupan na vida persoal, eclesial e social. Normalmente, recoñezámolo, os pobres estórbannos, están nos arrabaldes e nas nosas periferias persoais e existenciais. Non queremos ser pobres senón ricos. E os pobres convértense máis nun problema que nunha ocasión de encontro e de renovación.
Con todo, no Evanxeo de Xesús os pobres teñen un protagonismo especial. Pobres que van máis aló do seu sentido económico, ampliando o aspecto da enfermidade, os afectos, a exclusión, a falta de sentido, o rexeitamento social… María era unha sinxela doncela de Nazaret; os pastores foron os primeiros en acoller ao Mesías; a vida de Xesús desenvólvese entre os pobres e excluídos; os signos do Reino exprésanse especialmente cando “aos pobres anúnciaselles a Boa Noticia”.
Porque os pobres teñen un lugar privilexiado no corazón de Deus e eles sempre son escoitados na súa oración. Como di a Escritura, “a oración do pobre sobe ata Deus” (Ecclo 21, 59). Quizais por iso, os salmos, o libro máis antigo de oración, establece esa relación estreita entre pobreza, humildade e confianza. A propia experiencia confírmame esa sensibilidade espiritual que teñen os pobres. Sen dúbida este percorrido (pobreza, humildade e confianza) convértese nun proceso evidente para a experiencia de fe.
Pero mesmo os pobres son mestres que Xesús destaca e aos que entroniza nas súas cátedras para que sexan acollidos pola nova comunidade que nace coa Pascua. Podemos pensar naquela viúva que se achegou ao Templo de Xerusalén e alí entregou como donativo “todo o que tiña para comer”: desta maneira ensinounos que o amor custa, que non pode haber auténtica solidariedade indolora. Que fermosa lección! Ou podemos pensar no samaritano, rexeitado pola sociedade, que nos ensina quen é realmente o próximo e que supón autenticamente a fraternidade. Todo un mestre! E así tantas páxinas do Evanxeo que teñen aos pobres, aos últimos, aos que non contan, aos rexeitados socialmente… como modelos: a muller pecadora, o leproso agradecido, o bo ladrón…
A nosa Igrexa, ao longo dos tempos, estivo sempre preto dos pobres. Deste xeito foi signo elocuente e visible de que Deus escoita sempre o clamor do pobre. “Porque o silencio rompe cando un irmán é acollido e abrazado”. Desde logo que un signo da autenticidade da Igrexa é que sempre os pobres estean á súa porta, atopen acubillo nela, a sintan como o seu fogar e a súa familia. Por iso non estraña que promovese, e o siga facendo (a través da vida consagrada, sacerdotes e laicos en forma de diferentes voluntariados), innumerables iniciativas para a acollida, promoción, desenvolvemento integral de todas as persoas. Propostas que tamén inclúen o coidado da vida espiritual. Sen dúbida, a historia de amor da Igrexa é unha historia fermosa que reflicte o rostro máis xenuíno do Evanxeo.
Tamén nestes tempos convídasenos a renovar esta proximidade cos pobres, e a facelo desde unha clave revolucionaria que descobre o seu valor. É un tipo de relación que crea fraternidade porque non se fai desde arriba cara abaixo, como moitas veces nos relacionamos cos que nos necesitan, que eses son os pobres, senón a facelo nunha relación horizontal. Esa relación é a que nos permite tratalos como iguais, como irmáns, como amigos. É a que dá e concede dignidade a cada persoa. É unha sabedoría diferente que parte da certeza de que non é certo que uns dan e outros só reciben: “Todos somos dadores e receptores, todos nos necesitamos e estamos chamados a enriquecernos mutuamente” (Papa Francisco).
O noso mundo necesita unha nova esperanza que esperta cando se valora a cada persoa na súa fraxilidade. Co papa Francisco, exhorto a cada un a facerse peregrino da esperanza, ofrecendo signos concretos para un futuro mellor. Son «os pequenos detalles do amor»: saber deterse, achegarse, preguntar, prestar un pouco de atención, un sorriso, unha caricia, unha palabra de consolo, unha proposta de crecemento e maduración na fe, unha bendición… Sigamos facendo unha Igrexa pobre e para os pobres. Pero atención: “Estes xestos non se improvisan; requiren, máis ben, unha fidelidade cotiá, case sempre escondida e silenciosa, pero fortalecida pola oración”.
O voso irmán e amigo,
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol









Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















